A Plataforma dos Praceres pide o cesamento da actividade da nave de Cabomar Congelados

Pontevedra
17 de febreiro 2015
Actualizado: 14:56

A Asociación Plataforma Defensora da Praza dos Placeres interpuxo recurso de Reposición contra Acordo da Xunta de Goberno Local do Concello de Marín, do 29 de xaneiro de 2015, polo que se outorgou a Cabomar Congelados,S.A. licenza de legalización de nave industrial e de obras na zona portuaria de Marín

Traballadoras de Cabomar Congelados
Traballadoras de Cabomar Congelados

A Asociación Plataforma Defensora da Praza dos Praceres interpuxo recurso de reposición contra o acordo da Xunta de Goberno Local do Concello de Marín, do 29 de xaneiro de 2015, polo que se outorgou a Cabomar Congelados,S.A. licenza de legalización de nave industrial e de obras na zona portuaria de Marín. Piden ao concello que anule as licenzas de legalización e obras, así como o cesamento da actividade que se vén desenvolvendo na nave.

Dende o goberno local de Marín informarón que se tramitará o recurso administrativo polas canles ordinarias e se resolverá cos informes que sexa preceptivo emitir e engadiron que "a licenza municipal se outorga cumprindo o Plan Especial do Porto e de acordo cos informes técnicos e xurídicos favorables, como acto regulado que é o outorgamento dunha licenza municipal,".

Esta plataforma recorda que os tribunais anularon, en dúas ocasións, licenza igual á que agora acaba de outorgar a Cabomar Congelados,S.A. coa finalidade de eludir a orde xudicial de demolición que pesa sobre a nave industrial.

A primeira licenza anulouse por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), do 5 de xullo de 2007, por non se acomodar ás determinacións do Plan Especial do Porto de Marín do ano 2000. A segunda licenza, outorgada por resolución do 17 de xullo de 2008, foi anulada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra, do 28 de setembro de 2010, confirmada pola Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, en sentenza do 26 de xaneiro de 2012, en atención a que a nave estaba construído nos recheos que a sentenza do Tribunal Supremo, do 30 de outubro de 2009, declarara ilegal e ordenado retirar.

Os devanditos recheos seguen sendo ilegais actualmente e non son susceptibles de legalización ao non resultar factible, a posteriori, efectuar estudo de impacto ambiental, encontrándose neste momento requiridas as administracións implicadas na ilegalidade para que procedan á retirada dos recheos que ocupan unha superficie de 300.000 metros cadrados.

Entende a Plataforma Defensora da Praza dos Praceres que "é absolutamente contrario a dereito outorgar licenza de legalización de obras executadas sen cobertura de licenza válida e sobre a ampliación do Porto que, por sentenza firme, hai que facer desaparecer". Pola mesma razón, esta asociación sinala como "absolutamente contrario a dereito, raiando na prevaricación", prestar conformidade a comunicación previa de inicio de actividade industrial en terreos gañados ilegalmente ao mar e que por sentenza, en vía de ser executada, han de ser repostos ao estado anterior.

Así mesmo apunta que constitúe unha "ilegalidade clamorosa" que se outorgue licenza de legalización de edificación contra o sentenciado pola Sala Terceira do Tribunal Supremo, sen que previamente se aprobase o "inesquivable" Plan Director de Infraestruturas e cando o Plan de Utilización está se anulase por sentenza da Audiencia Nacional.

Mentres os recheos sexan ilegais, "todo o que se poña enriba é, igualmente, ilegal"

Por outra parte, dende esta ssociación afirman que o Plan Especial do Porto-2013 "carece de potencialidade para legalizar a ampliación do Porto" e mentres os recheos sexan ilegais, "todo o que se poña enriba é, igualmente, ilegal". Por iso, a este colectivo non lle cabe a menor dúbida de que a nave industrial, asentada sobre o recheo, é, tamén, ilegal.

Respecto ao certificado emitido polo director do Porto no que asegura que os terreos sobre os que se asenta a nave non están afectados pola sentenza que ilegalizara os recheos, a plataforma considera que tal cuestión debe ser dilucidada polo tribunal que ditou a sentenza. E como consta ao Concello a Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG desestimou a pretensión formulada por Cabomar Congelados, S.A. de que se declarase que a súa nave queda fóra dos recheos que hai que retirar por virtude da citada sentenza.

Finalmente a Plataforma dos Praceres no seu recurso sinala que a edificación "non se acomoda ás determinacións urbanísticas contidas no Plan Especial do Porto".