A asociación Plataforma Defensora da Praza dos Praceres esixe ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que se execute a sentenza sobre os recheos ilegais do porto de Marín.
Nun escrito de alegacións remitido esta semana á sección segunda da sala do contencioso administrativo do alto tribunal galego, a plataforma solicita que se designe un perito arquitecto que precise cales son os recheos portuarios que "deben ser demolidos por executarse ao amparo do plan anulado".
A plataforma que preside Eladio Torres lamenta que "cumpridos nove anos desde que a sentenza é firme, as administracións condenadas non fixeron outra cousa que obstaculizar a execución".
"Cremos que é preciso que o tribunal adopte medidas para poñer fin a este abuso das administracións que contan con medios e recursos para ir eludindo o cumprimento" da resolución do Supremo sobre os recheos.
De pouco está a valerlle á Plataforma Defensora da Praza dos Praceres que a xustiza lle dea a razón. Este colectivo tamén conta con sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid que condena a Fomento a suprimir os pasos a nivel da praza da Igrexa. Xa pasaron máis de 11 anos dese fallo xudicial e nada mudou.