A plataforma de Lourizán céntrase de cheo na loita contra a nova depuradora

Pontevedra
29 de outubro 2018

A asemblea decidiu non apoiar como plataforma veciñal a creación dos campos de billarda por parte do Concello nin a pretensión de solicitar a construción dun novo campo de fútbol por parte do San Andrés C.F.

Cruces cravadas no antigo campo de fútbol de Lourizán
Cruces cravadas no antigo campo de fútbol de Lourizán

Os vecinos de Lourizán mantiveron unha asemblea veciñal este domingo no antigo campo de fútbol, durante a concentración que manteñen semanalmente.

A asemblea decidiu non apoiar como plataforma veciñal a creación dos campos de billarda por parte do Concello nin a pretensión de solicitar a construción dun novo campo de fútbol por parte do San Andrés C.F.

Entre outros asuntos, elixiron novos representantes veciñais, "xa que ata o momento este papel estaba a ser desempeñado polos presidentes das entidades parroquiais". Desta maneira "preténdese darlle maior protagonismo aos veciños", ademais de que o movemento estea representado por persoas que foron elexidas en asemblea.

Por último, tamén decidiron non recibir a visita de máis partidos políticos nas xornadas dos domingos, que están destinadas a facer actividades de reivindicación en contra da ampliación da depuradora por parte dos veciños.