A Plataforma 'Crematorios Urbanos NON' convocou unha reunión para o próximo luns 4 de novembro, no local social Centro Leste, para analizar a nova regulación para a instalación de crematorios no municipio e estudar posibles accións de protesta.
Algúns dos voceiros desta Plataforma acudiron este luns ao Teatro Principal para seguir o Pleno da Corporación no que se aprobou, cos votos do goberno local BNG-PSOE, a normativa que limita os crematorios a solo rústico, previa aprobación dun plan de infraestruturas e dotacións, gardando unha distancia mínima de 50 metros.
Beatriz Rey representante deste colectivo, xunto a César Maquieira, trasladou o seu enfado co responsable municipal de Urbanismo, o concelleiro, Antón Louro, "por rebajar de 500 a 50 metros la distancia mínima para instalar un crematorio".
Tras a súa aprobación no pleno, a nova normativa será exposta ao público para que se poidan presentar alegacións durante un prazo de dous meses. Os membros desta Plataforma, aproveitarán esta oportunidade para presentar os seus escritos nos que, segundo adiantaron, esixirán que sexan 500 metros a separación, unha postura compartida polo Partido Popular.