Unha representación da plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste mantivo este martes unha reunión conxunta co tenente de alcalde e responsable de Urbanismo, Antón Louro.
O colectivo pretende reunirse cos tres grupos políticos municipais "para buscar puntos de encontro" e que a Universidade de Santiago actúe nesta polémica como mediadora entre a plataforma, o Concello e as empresas funerarias que pretenden a instalación de crematorios no municipio. Neste sentido Antón Louro mostrou as súas dúbidas sobre as limitacións xurídicas que formula tal posibilidade "nunha sociedade onde funciona a libre empresa".
O voceiro deste colectivo veciñal, José Luis Calvo, destacou que "lo más importante fue que por una vez nos hemos sentado alrededor de una mesa para dialogar".
Neste encontro o Concello expuxo cual é a situación a día de hoxe, "sen novidade dende hai meses". Concretamente a tramitación da modificación puntual está en fase de alegacións, que están a ser informadas pola Oficina Técnica de Enxeñaría do Concello. Ademais Louro recordou que está tamén en tramitación por parte da Xunta unha nova lei mortuoria. "A institución competente en última instancia, e quen resolve, e a Xunta coa Consellería de Medio Ambiente e a de Sanidade".
"Pola nosa banda, máxima información, máxima transparencia e máxima colaboración cos veciños, coa única limitación do ordenamento xurídico", dixo Louro. "Eu non podo saltarme as leis, estaría prevaricando e esa é unha consecuencia que un non pode asumir".