O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron este venres o protocolo de colaboración co que se inician os trámites para a posta en marcha dunha planta de compostaxe na provincia, nun acto no que contaron co apoio de asociacións de veciños, comunidades de montes e entidades ecoloxistas.
Xa hai máis dun ano que a Deputación, co apoio do BNG, iniciou conversas cos alcaldes da provincia para sacar adiante un proxecto intermunicipal que nos permita unha xestión máis eficaz dos residuos tanto desde o punto de vista económico como ambiental, apuntou Louzán.
Nesta liña recalcou que o paso dado hoxe é un camiño que non ten volta atrás e debe levarnos a que Pontevedra, no prazo de tempo necesario para a construción e posta en marcha conte cunha planta de compostaxe que contribúa a curto e medio prazo á mellora da calidade ambiental da provincia.
"Trátase dun proxecto que nace con bo pe", dixo o alcalde de Pontevedra
Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores incidiu en que se trata dun proxecto que nace con bo pe, porque hai dúas institucións que se están implicando no tema e tamén porque hai un sector formado por comunidades de montes, veciños e mesmo asociacións ecoloxistas que hoxe están aquí.
Na mesma liña se manifestou Rafael Louzán, que recalcou que este proxecto servirá tamén para evitar a incineración dos residuos, e os grandes desprazamentos que hai que facer actualmente para o tratamento dos residuos e que implican un enorme gasto económico e un considerable prexuízo ambiental.
Tanto Louzán como Lores, amosáronse confiados en que, aínda que a planta dará servizo inicialmente ao Concello de Pontevedra e aos máis de 20 concellos adheridos ao Servizo Provincial de Recollida de Lixo, durante o proceso de tramitación e construción da planta e incluso unha vez en marcha, se sumen máis concellos, para sacarlle maior proveito.
Tamén incidiron na necesaria conciencia social para facer viable a planta, dado que tratará residuos que se separen en orixe, polo que é fundamental a colaboración da sociedade. Para lograla impulsaranse campañas de sensibilización ademáis implantarase un novo colector, que será de cor marrón, e no que os cidadáns deberán depositar os residuos orgánicos correctamente separados no fogar.
CIRCUNSTANCIAS IDÿNEAS
A unión de todas as administracións implicadas vai permitir contar coa suficiente masa crítica como para garantir a viabilidade da planta, que Lores e Louzán consideran garantida tamén polas circunstancias concretas do momento no que nace e que en nada se parecen ás que se deron cando se impulsaron outros proxectos fallidos.
O Concello de Pontevedra comprométese a buscar unha localización idónea para a planta
Ademais a planta nace co aval de coincidir coa liña de traballo do novo plan de residuos da Xunta de Galicia, que fai unha aposta firme pola compostaxe, e de ser unha necesidade para dar resposta ás directivas europeas que establecen que en 2020 haberá que compostar un mínimo do 25% da fracción orgánica dos residuos.
En canto aos terreos, o Concello de Pontevedra comprométese a buscar unha localización idónea para a planta, para o que abrirá un prazo duns meses para que se poidan presentar ofertas. Xa dispoñen dalgunhas propostas, pero que é preciso abrir un prazo e despois valoralas todas en detalle para elixir a mellor ubicación posible.