Cambio de plans no Concello de Pontevedra. A retirada da Deputación do proxecto da planta de compostaxe, anunciada o pasado venres no Pleno provincial, leva ao grupo municipal do BNG a modificar lixeiramente as súas intencións. Non renuncian á súa construción, pero introducen novos matices. A planta da Canicouva será máis pequena do previsto e só dará servizo ao municipio capitalino.
Así o avanzou este mércores o concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera. As instalacións ambientais da Canicouva reducirán a súa capacidade prevista. Estarán preparadas para acoller unhas 15.000 toneladas de residuos orgánicos -practicamente a metade que a planta inicial- e 30.000 toneladas en total. Manteranse, iso si, as condicións acordadas cos comuneiros.
Ademais, Mosquera deixa a porta aberta a que, no futuro, outros concellos da comarca de Pontevedra ou a mesma Deputación se poidan sumar ao proxecto.
"Nós temos tomada a decisión de que a planta se vai facer se temos apoio suficiente a partir do 24 de maio", explicou o responsable de Infraestruturas no goberno municipal, que recoñece que ao ser o BNG o único partido que incluirá esta cuestión no seu programa electoral, esta cita coas urnas poderían servir como "plebiscito" sobre a conveniencia ou non deste proxecto.
De feito, Mosquera chegou a sinalar que a decisión de Rafael Louzán de dar marcha atrás no seu apoio a este proxecto se debe ao fracaso que supuxo a licitación do contrato do plan provincial de residuos, do que nos últimos tres meses "non se moveu nada de nada"; e ao atraso do plan de viabilidade da planta de compostaxe, que debía estar para o pasado mes de febreiro. Todo iso, dixo, provoca que se "adíe todo" ata despois das eleccións.
En todo caso, Mosquera reiterou que non se trata dunha decisión "precipitada", xa que recordou que en 2017 finalizará a prórroga do contrato de recollida de lixo en Pontevedra e haberá que sacar un novo concurso que, segundo os plans do Concello, e "hai que saber o que se vai a facer", xa que debería incluír xa a xestión desta nova planta de compostaxe. Ao ser só para Pontevedra, subliñou, "será máis fácil e máis barato", á par que "máis rendible".
CONTINÿA A TRAMITACIÿN
Este cambio de ruta no Concello de Pontevedra non impide que siga adiante a tramitación administrativa deste proxecto. Mosquera desvelou que o pasado venres a Comunidade de Montes da Canicouva presentou formalmente a oferta dos terreos "con todas as bendicións" que se requiría. Trátase dun trámite que "non aporta novidades" ao que xa se coñecía e se manteñen as condicións anunciadas previamente.
Seguindo a recomendación da asesoría xurídica, unha vez que a Xunta de Goberno aprobe esta oferta, abrirase un prazo dun mes para que calquera outra comunidade de montes, entidade xurídica ou particular poida presentar novos terreos. A partir de aí, sinalou o edil nacionalista, "pecharase o contrato" e poderán comezar os trámites para a construción da planta que o BNG espera que estea "construída e funcionando" en 2017.