Pontevedra acollerá proximamente unhas xornadas técnicas sobre a compostaxe, nas que se prevé presentar o estudo de viabilidade que a empresa Lagares Oca está a redactar para a planta da Canicouva. Así o anunciou este luns o voceiro do goberno municipal, Raimundo González, en resposta á demanda de información por parte dos colectivos que manifestaron a súa oposición a este proxecto.
Estas xornadas, organizadas pola Deputación de Pontevedra coa colaboración do Concello de Pontevedra e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), reunirán expertos e xente "que sexan doutos" na materia de xestión de residuos. Nelas, analizaranse todas as características deste proxecto e poderán asistir todas aquelas persoas e colectivos que o desexen porque serán abertas ao público e totalmente gratuítas.
A Deputación involúcrase así na defensa da planta da Canicouva, para a que, recordou Raimundo González, o Concello de Pontevedra só tiña a obriga de ofertar unha situación axeitada, que contase coa aprobación técnica e a colaboración veciñal. Tamén se requiría, segundo o protocolo asinado, que non estivera preto de núcleos habitados e que non afectara ás captacións de augas, aspectos que se cumprirían, dixo, co lugar elixido.
Dende o Concello entenden que, a partir de aquí, "todas ás demais cuestións" relativas a esta planta de compostaxe dependen da institución provincial. A tarefa informativa de explicar como vai ser a planta, a tecnoloxía que usará, a elaboración do proxecto ou a súa licitación e posterior concesión "é da Deputación".
Con respecto ás protestas veciñais en Ponte Sampaio, Raimundo González lamentou, unha vez máis, que estean lideradas por un "destacado militante" do Partido Popular e membro da executiva local, Ramón Agulla, do que dixo "anda por aí reunindo aos veciños e non distingue unha planta de compostaxe dunha empacadora". E é que o goberno municipal insiste: "isto non ten nada que ver cunha empacadora".
"Sorprende que estas manifestacións veñan contra o Concello, quen vai a construír a planta é a Deputación," apuntou o voceiro do goberno municipal. "Os tiros terán que ser contra quen vai a executar a planta, salvo que estea cabreado con Louzán ou non se fíe del", concluíu.