A planta da Canicouva tratará os residuos orgánicos da metade dos pontevedreses

07 de decembro 2016

Os residuos orgánicos que xeren unhas 39.000 persoas, un 46% dos habitantes de Pontevedra, serán tratados na planta de compostaxe que o Concello proxecta na parroquia da Canicouva. Así o desvelou este mércores a concelleira de Medio Ambiente Natural, Carme da Silva. Serán aquelas que vivan nas áreas máis poboadas do centro urbano

Os escolares do Marcos da Portela plantan árbores co compost de Monte Porreiro
Os escolares do Marcos da Portela plantan árbores co compost de Monte Porreiro / Mónica Patxot

Os residuos orgánicos que xeren unhas 39.000 persoas, un 46% dos habitantes de Pontevedra, serán tratados na planta de compostaxe que o Concello proxecta na parroquia da Canicouva. Así o desvelou este mércores a concelleira de Medio Ambiente Natural, Carme da Silva. Serán aquelas que vivan nas áreas máis poboadas do centro urbano.

Este cálculo, que parte do plan de residuos que está a elaborar a Deputación, permite ao goberno municipal "dimensionar " a planta, de forma que os técnicos municipais poidan traballar xa no proxecto definitivo. Carme da Silva avanzou que tratará unhas 6.000 toneladas de residuos orgánicos ao ano, tres veces menos que o planeado inicialmente.

A planta podería contar tamén cunha liña de tratamento dos residuos que non sexan ben separados en orixe, para o que a Universidade de Vigo xa está a analizar o posible aproveitamento que poida ter o compost que non sexa dunha calidade óptima.

O resto do municipio adoptará tamén o sistema da compostaxe para reciclar os seus residuos orgánicos, pero farano a través doutros métodos.

Así, uns 21.000 pontevedreses -o 26% do total- contarán cun composteiro individual nas súas vivendas, todas elas unifamiliares. O Concello calcula que se repartirán preto de 9.000 recipientes, principalmente nas quince parroquias o rural de Pontevedra.

A rede completarase cos case 200 centros de compostaxe comunitaria, similares aos instalados en Monte Porreiro e Campañó, que darán servizo a uns 23.000 habitantes, o 28% do padrón municipal. Neste caso, serán en zonas rurais ou en barrios con espazo suficiente para instalar este tipo de composteiros como Campolongo, A Parda ou o Gorgullón.

Carme da Silva desvelou ademais outros detalles sobre o novo sistema de recollida de lixo que se pretende implantar en Pontevedra.

A chegada do compost implicará cambios nos colectores. Barállase a posibilidade de habilitar un quinto colector, de cor marrón, para depositar nel os restos orgánicos; ou deixalo en catro, mesturando os envases e os plásticos coa denominada fracción seca. Serán os técnicos municipais os que tomen esta decisión.

Ademais, será necesario ampliar o persoal da empresa que se encargue da recollida de lixo a partir de xuño de 2017, data na que vence o novo contrato, xa que se aumentarán as frecuencias de recollida e o persoal terá que supervisar tamén o funcionamento do sistema de compostaxe. Todo iso recollerase nun novo regulamento.

Todas estas conclusións extráense do estudo que realizou a Deputación de Pontevedra, que recolleu datos sobre o consumo e o padrón dos municipios da provincia para establecer o número de toneladas de residuos orgánicos que se producen en Pontevedra, determinando o mellor sistema de compostaxe que se debe implantar en cada caso.

Arquivado en