O Concello de Sanxenxo anuncia que reduciu o seu consumo de auga na última semana un total de 2.160 metros cúbicos diarios. Augas de Galicia ofreceu os datos na xuntanza deste mércores 31 de seguimento da seca que mantén cos representantes municipais dos Concellos que reciben auga do Lérez.
Segundo o goberno local de Telmo Martín, esta baixada do consumo coincide coa época en que numerosos visitantes retornan aos seus domicilios e sinala que a previsión é que se manteña este descenso ao longo do mes de setembro. Tamén esperan unha mellora do caudal do río coa previsión de choivas a partir da fin de semana.
Por este motivo, o luns 5, o Concello abrirá a piscina muncipal como primeira medida de resposta ao descenso do consumo de auga. O resto de restricións que se inclúen no bando municipal elaborado con motivo da seca manteranse debido á situación de prealerta. Estas medidas son as referidas á limitación de baldeos de rúas e prazas, unicamente pódense realizar co depósito de Fontoira; o peche de lavapés nas praias, restrición de lavado de vehículos e rega de xardíns con auga da traída municipal.
Segundo lembra o goberno local, foi o único concello que decidiu pechar a piscina municipal, que ofrece un consumo diario de 20 metros cúbicos, debido ao incremento de poboación da vila turística durante os meses de xullo e agosto. Insisten á poboación na necesidade de manter un uso racional da auga e agradecen a colaboración cidadá durante o mes de peche.