A peaxe da AP-9 entre Pontevedra e Vigo, quince céntimos máis cara desde o 1 de xaneiro

Pontevedra
28 de decembro 2023

Nin a subida do 9,46% que solicitaba Audasa nin a conxelación do prezo que esixía Galicia. O Goberno optou por unha vía intermedia e permitirá que, como máximo, as peaxes na autoestrada AP-9 suban un 4% a partir do 1 de xaneiro de 2023

Peaxe da AP-9 Mónica Patxot

Nin a subida do 9,46% que solicitaba Audasa nin a conxelación do prezo que esixía Galicia. O Goberno optou por unha vía intermedia e permitirá que, como máximo, as peaxes na autoestrada AP-9 suban un 4% a partir do 1 de xaneiro de 2023. 

Este incremento é o que se autorizará en ata once autoestradas de pago en toda España, segundo aprobou o Consello de Ministros. Este límite pretende minorar o efecto que tería actualizar estas peaxes conforme ao IPC, por encima do 8,4%.

No caso da AP-9, ademais, Audasa esixía un 1% adicional conforme á revisión extraordinaria á que ten dereito polo convenio asinado no seu día, entre outras actuacións, para as obras de ampliación da ponte de Rande.

Iso si, os cidadáns non pagaremos nas cabinas de peaxe, pero si vía impostos, porque o Goberno acordou subvencionar ata o ano 2026 parte dos ingresos que as concesionarias deixarán de percibir pola contención do incremento das peaxes. 

Coa nova actualización de prezos, o custo da viaxe entre Vigo e A Coruña situarase en 18,2 euros por traxecto, mentres que facer o trazado completo entre Ferrol e Tui custará case 24.

Circular pola AP-9 entre Pontevedra e Vigo subirá ata os 4,30 euros, quince céntimos máis que agora; mentres que o desprazamento a Santiago chegará ata os 6,40 euros. Tamén subirán as peaxes ata Curro (1,50 euros), Caldas (2,45 euros) ou A Coruña (13,90 euros).

O que manterá o Goberno, en todo caso, son as bonificacións actuais, tanto a usuarios recorrentes como as que están activas para os traxectos de volta no mesmo dia.