A Ostreira, a planta acuícola do Grove coa supervivencia obstaculizada por Costas

O Salnés
01 de xullo 2023

Camilo Rodiño, apoderado da empresa A Ostreira, a única produtora de semente de ameixa e de ostras en Galicia, denunciou que a normativa estatal impídelle acometer un proxecto de ampliación e mellora das súas instalacións do Grove

(De esquerda a dereita) Roberto Fariña, Jorge Cebreiros e Camilio Rodiño
(De esquerda a dereita) Roberto Fariña, Jorge Cebreiros e Camilio Rodiño / CEP

Camilo Rodiño, apoderado da empresa A Ostreira, a única produtora de semente de ameixa e de ostras en Galicia, denunciou que a normativa estatal impídelle acometer un proxecto de ampliación e mellora das súas instalacións do Grove.

O problema xorde porque a Dirección Xeral da Costa e do Mar esixe que a empresa retire as piscinas de produción de fitoplancto -fundamentais para alimentar a semente na fase de preengorde- que ten en terreos de dominio público marítimo-terrestre.

Asegura que a resolución da administración estatal non só non permite a ampliación das piscinas, senón que expón "que hai que sacalas de aí" obstaculizando a supervivencia desta planta acuícola.

Alega o empresario na súa defensa que a planta da súa empresa no Grove está rodeada de marisma e non hai terreos privados próximos onde se poidan construír esas piscinas e "sen piscinas non se pode manter a empresa, é como dicirnos que temos que pechar", lamentou.

Xunto a Camilio Rodiño compareceron, Roberto Fariña, presidente de Asociación Galega de Depuradoras e Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, en cuxa sede se celebrou esta rolda de prensa.

Fariña expresou a súa confianza en que a nova lei do litoral de Galicia poida "axudar a resolver" esta situación e pediu "a Madrid" que "deixe de tentar coartar a liberdade das empresas". Ademais asegurou que o sector mar-industria que teñen instalacións no litoral demostrou ser "sostible", "limpo", "respectuoso" co medio e que é "o primeiro interesado" na conservación dos ecosistemas costeiros.

Mentres, o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, trasladou o seu apoio ás empresas do sector, e tachou de "inxustificable" a resolución de Costas sobre as obras na Ostreira, unha empresa "con 40 anos de actividade nun sector estratéxico".

Así mesmo, alertou contra o "impacto" tanto económico como en postos de traballo que terá a aplicación da normativa estatal.

A XUNTA DENUNCIA AS "TRABAS" DE COSTAS DO ESTADO

Esta semana, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitaron as instalacións que A Ostreira ten no Grove lamentando que a empresa "vexa comprometido o seu futuro polas esixencias de Costas do Estado para a renovación da súa concesión". 

"O posible peche da planta, advertiron, supoñería un duro golpe para o sector marisqueiro galego pois a empresa é a principal subministradora da semente de moluscos que se emprega para facer as sementeras nos parques de cultivo e nos bancos marisqueiros das confrarías de pescadores".

Ángeles Vázquez incidiu en que esta situación é "unha mostra máis das incongruencias do Goberno central e da súa estratexia continua para retirar calquera instalación asentada nas proximidades do mar independentemente do seu impacto socioeconómico e de que a súa actividade poida desenvolverse ou non máis afastada do litoral".

A OSTREIRA

Esta empresa é o único produtor de semente de ameixa fina, babosa, xaponesa e tamén ostra de Galicia que controla a totalidade do ciclo produtivo. 

O proceso comeza nas súas instalacións de Barizo (Malpica) onde se obteñen as larvas de reprodutores seleccionados da máxima calidade para o seu posterior traslado á planta do Grove, operativa desde 1984.

Alí completan a fase de preengorde alimentándose do fitoplancto que se produce nas piscinas exteriores e pasan ao proceso de engorde en batea, previo a que a semente xa estea lista para enviar aos parques de cultivo ou bancos marisqueiros para facer as repoboacións.  

A Ostreira produce ao ano uns 150 millóns de unidades de semente de moluscos bivalvos converténdose na principal subministradora de Galicia. En 2018 puxo en marcha un proxecto para ampliar a súa produción e dar resposta á demanda de semente do mercado co obxectivo de producir entre 200 e 250 millóns de unidades, o que practicamente permitiría cubrir as necesidades do sector marisqueiro galego.