A mellora do Outeiro de Dorrón e a contorna da capela de San Amaro de Arra en Adina realizaranse despois do verán

Sanxenxo
15 de xullo 2024

O Concello de Sanxenxo prepara a licitación de dúas actuacións en senllos lugares do rural que se van a financiar mediante o Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra

Contorna da capela de San Amaro de Arra, en Adina
Contorna da capela de San Amaro de Arra, en Adina / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo prepara a licitación de dúas actuacións en senllos lugares do rural que se van a financiar mediante o Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra. 

En liña con anteriores actuacións como o núcleo de Bordons, o lugar do Santo en Nantes e o vial que comunica a igrexa de Noalla coa Lanzada. Agora vaise a humanizar o Outeiro de Dorrón e a contorna da capela de Arra en Adina.

A actuación de Dorrón está valorada en 488.874 euros que se destinan á urbanización do núcleo rural do Outeiro, ao ensanche e mellora do camiño do Castro, a ampliación da rede de saneamento e abastecemento de auga, o soterramento do cableado que afea a fachada dos edificios, a dotación de nova iluminación e a mellora da seguridade viaria. En definitiva, trátase de mellorar a calidade de vida dos veciños e embelecer un dos núcleos rurais con máis encanto.

Pola súa banda, para a mellora da contorna da capela de Arra van destinar 192.193 euros. A obra iniciarase coa demolición do actual firme e o seu posterior empedrado, a condución das augas pluviais e as escorrentías, a instalación de nova iluminación e o soterramento do cableado que afea a contorna.

A capela de San Amaro é unha xoia arquitectónica da baixa idade media que estivo adscrita ao mosteiro da Armenteira. A posta en valor do patrimonio cultural e arquitectónico é unha das prioridades deste mandato municipal. 

A conservación do patrimonio é a obrigación de calquera concello e, ademais, é un recurso turístico. Ambos os proxectos fináncianse no seu maior parte a través do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra. O Concello achega un 10% do investimento.