A última hora deste domingo, a Mancomunidade de Montes de Pontevedra celebrou a primeira Asemblea Xeral do ano coa asistencia de once das doce comunidades que a integran. Entre os asuntos da orde do día abordáronse os puntos habituais de censo de comunidades, balance do ano e informe de actuacións. Tamén se abordaron os proxectos da mancomunidade para este ano como a súa constitución como entidade de custodia do territorio a partir da subvención aprobada polo GDR Pontevedra - O Morrazo.
No apartado de rogos e preguntas, a Comunidade de Montes de Ponte Sampaio reclamou o apoio da mancomunidade fronte ao acordo adoptado pola Comunidade de Montes de Canicouva de admitir no seu monte a instalación da planta de compostaxe promovida por Deputación e Concello de Pontevedra.
Entende que o monte non é lugar axeitado para a instalación dunha planta de compostaxe
Ante esta solicitude, a mancomunidade reiterou o acordo adoptado no mes de xuño no que xa manifestou que entende que o monte non é lugar axeitado para a instalación dunha planta de compostaxe senón que debería situarse en solo industrial, mais tamén quedou claro no debate promovido en torno a este asunto que a mancomunidade non se vai posicionar apoiando a unha comunidade fronte ao acordo legalmente adoptado por outra comunidade de montes.
Os membros da mancomunidade manifestaron claramente entender os temores dos comuneiros de Ponte Sampaio ao respecto dos seus mananciais e neste senso, solicitan ás entidades promotoras da planta de compostaxe a máis absoluta transparencia sobre o proxecto da planta de compostaxe e os seus efectos ambientais e os posibles riscos e medidas correctoras en previsión dos mesmos a adoptar, xa que entenden que os maiores problemas que poida ocasionar poden proceder do mal funcionamento ou dunha mala xestión da planta.
ACORDO DE COLABORACIÿN
A Mancomunidade de Montes de Pontevedra aprobou tamén a sinatura dun acordo de colaboración co Concello de Pontevedra no que se traballou ao longo do ano pasado e que permitirá á mancomunidade desenvolver proxectos de interese ambiental e social dando a coñecer ás comunidades de montes e os recursos ambientais e culturais dos montes veciñais en man común.
Entre os proxectos a desenvolver ao longo deste ano ao carón deste acordo de colaboración está a constitución da mancomunidade como entidade de custodia do territorio.