A Lama cifra nuns 100.000 euros os danos do último temporal

A Lama
22 de xaneiro 2016

En concreto, as sucesivas trombas de auga alagaron leiras, afectado a infraestruturas de comunicación interior do municipio e a varios muros de contención e de peche perimetral de diferentes parcelas repartidas por todo o concello

Danos provocados polo temporal na Lama
Danos provocados polo temporal na Lama / Concello de A Lama

Ata 100.000 euros de danos causou o último temporal na Lama, segundo os cálculos realizados polo goberno municipal.

En concreto, as sucesivas trombas de auga alagaron leiras, afectado a infraestruturas de comunicación interior do municipio e a varios muros de contención e de peche perimetral de diferentes parcelas repartidas por todo o concello.

Os principais danos produciunos unha tromba de auga que desenterrou por completo e ao longo duns 100 metros a nova tubaxe de condución do abastecemento de auga á Lama e que discorre pola estrada que comunica a capital do municipio coa parroquia de Xende.

A forza da auga limpou completamente a gabia realizada para a canalización levando as achegas de terra feitos e deixando totalmente ao descuberto as tubaxes encargadas de garantir a nova subministración de auga potable a parte da Lama.

A intensa choiva tamén provocou a grave deterioración da estrada que dá acceso ao lugar de Fontecova, esnaquizando por completo o pavimento e levando parte do asfaltado realizado recentemente para corrixir unhas desfeitas producidas anteriormente por outro temporal.

Para evitar que esta circunstancia volva suceder no futuro, operarios municipais procederon a realizar derivacións nas tradicionais canles naturais por onde discorre a auga que chega dos torrentes do monte. A intención dos técnicos é darlle unha nova saída ás pluviais para que conflúan cun regacho próximo e así sexan conducidas ata o río sen causar o grave dano actual.

Ademais, en Gaxate a filtración de auga por baixo do asfalto foi erosionando o terreo provocando un buraco que ameaza a seguridade do tramo final da estrada de acceso ao centro do núcleo rural. Os operarios procederon a sinalizar a zona, asegurar o terreo e realizarán calicatas para determinar o alcance da avaría provocada.