O Pleno da Deputación de Pontevedra acordou que a imprenta provincial e o parque de maquinaria abandonen os terreos da Xunqueira de Alba.
O deputado da Marea de Vigo, Xosé Luís Jácome, presentou no Pleno da Deputación celebrado este venres unha moción que persegue o obxectivo de recuperar as concesións da institución provincial nos terreos da Xunqueira de Albae que contou cos apoios do goberno provincial PSOE e BNG. O PP abstívose.
Segundo expuxo Jácome na súa defensa da moción elaborada por Marea Pontevedra, o gran hábitat conformado polo espazo marítimo intermareal da Ría de Pontevedra "non pode seguir sendo agredido nin urbanística nin paisaxística nin ambientalmente". A isto engaden "a presión de múltiples infraestruturas" co "consentimento, cando non coa participación directa", do Ministerio de Fomento, Xunta de Galicia, Deputación Provincial e Concello de Pontevedra.
O vicepresidente da Deputación, o nacionalista César Mosquera, explicou que esta moción foi acordada co grupo mixto incorporándolle algunhas modificacións posto que esta iniciativa "xa está en execución" por parte da institución provincial.
Pola súa banda, o portavoz popular, Xosé Crespo asegurou que o seu grupo non se opón ao desmantelamento destas instalacións "sempre que se busque unha alternativa" para este servizo que cualificaron de "fundamental".
Mosquera lembrou que tamén o Concello de Pontevedra ten en marcha o desenvolvemento dun plan que permita ampliar os 483.000 metros cadrados polos que se estende a Xunqueira de Alba coa suma dos 170.000 metros cadrados ocupados por concesións públicas.