A illa de Tambo, entre os novos atractivos turísticos que Poio amosará en FITUR

Poio
15 de xaneiro 2023

Poio volverá formar parte do stand da Red de Pueblos Mágicos de España, á que pertence Combarro. Destacará a difusión dos espazos naturais do municipio e como novidades os folletos informativos da illa de Tambo e da Casa Museo de Colón.

Posta de sol na illa de Tambo
Posta de sol na illa de Tambo

Poio volverá a ter visibilidade como destino turístico na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebrará en Madrid entre os días 18 e 22 de xaneiro. 

A tenente de alcalde e responsable desta área, Silvia Díaz, e a técnica de Turismo Mónica Neira estarán presentes o xoves 19 no que é un dos grandes eventos de referencia no sector a nivel internacional. 

Díaz confirma que, ao igual que na edición de 2022, Poio estará novamente presente formando parte do stand da Red de Pueblos Mágicos de España, da que forma parte Combarro desde 2019, xunto a máis cun cento de localidades españolas, e das cales só nove son galegas. 

Este ano, dentro do material promocional que Poio ofrecerá en FITUR destaca a difusión dos espazos naturais do municipio e como novidades os folletos informativos da illa de Tambo e da Casa Museo de Colón. 

"Estamos a falar de dous grandes atractivos non só desde o punto de vista turístico, senón tamén histórico, patrimonial e cultural e que, ademais, poden axudar a atraer a visitantes fóra da tempada do verán", incide Silvia Díaz, que salienta a gran expectación que causaron as visitas guiadas á illa, operativas desde agosto do ano pasado e nas que tomaron xa parte máis de 5.000 persoas.

Por outra banda, a concelleira de Turismo participará no acto de presentación da campaña de promoción do destino Rías Baixas, promovida pola Deputación de Pontevedra e tamén asistirá ao acto no que se divulgará a campaña ‘Camiña comigo’ da Mancomunidade do Salnés, na que se promociona a Variante Espiritual do Camiño Portugués, da que forma parte Poio.

A concelleira de Turismo manterá unha reunión con membros da Asociación de Hostalería de Poio o vindeiro mércores para adiantarlles o traballo de promoción que se levará a cabo na feira internacional.

Arquivado en