Do 27 e 28 de setembro desenvolverase a quinta edición de PonteSán, a maior feira de saúde e benestar de Galicia que se celebrará nunha carpa na céntrica Praza de España, ademais doutros espazos como o CITA ou a avenida de Montero Ríos.
Ao longo de todos estes anos, PonteSán leva ofrecendo á cidadanía formación e información accesible e de calidade sobre saúde e benestar.
Nesta edición, ademais de apoiar e fomentar os bos hábitos en saúde, alimentación e benestar; o obxectivo de 2024 pon atención á educación dos cidadáns en temas de dereitos sanitarios e coñecer as súas posibilidades como paciente. De modo que os organizadores centraranse de pleno na educación en saúde, a importancia da formación sociosanitaria e a divulgación dos dereitos e deberes dos pacientes e os profesionais sanitarios.
Decenas de asociacións e agrupacións de todo tipo dispoñerán dun espazo reservado na feira para que poidan informar libremente á cidadanía sobre as funcións, preocupacións e obxectivos que os moven a traballar día a día.
PonteSán reunirá nesta ocasión a máis de 50 casetas de asociacións, clubs deportivos, colexios oficiais, fundacións, administracións públicas, entre outras.
Haberá conferencias sobre: Adiccións dixitais e redes sociais, Merendas saudables, A importancia do soño, Escola Galega de Saúde para os Cidadáns ou sobre os Dereitos e deberes dos pacientes, Dereitos dos pacientes no final da vida, Educación sexual, O traballo social sanitario, entre outras.
Tamén están previstos varios obradoiros como os de ximnasia para o cerebro, percuterapia e musicoterapia, hábitos de vida saudables e presentacións como a "Guía para promover unha adecuada saúde dixestiva" ou "Dominando a dor".
Non faltarán as actividades deportivas como dúas andainas, unha exhibición de Dragón Boat ou de danza, baloncesto en cadeira de rodas, rugby, waterpolo, deporte adaptado.
O Concello de Pontevedra acolleu este luns a presentación da quinta edición de PonteSán na que se destacou a importancia desta feira dando voz anualmente a máis de 40 entidades da nosa contorna relacionadas coa saúde física e mental. Durante este lustro converteuse nun punto de encontro para toda a cidadanía interesada na súa saúde coincidiron en sinalar desde a organización María Jesús Monterde e Víctor Regueira.