A Federación de asociacións de veciños Teucro considera que a polémica suscitada arredor do proxecto da planta de compostaxe que se vai instalar en Pontevedra, dentro do convenio suscrito entre o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial, é "un pouco artificial" e só responde a "estratexias partidistas cun marcado carácter electoral".
Esta federación veciñal presidida por Miguel Vilacoba fixo pública esta fin de semana a súa postura diante da instalación da planta en terreos da parroquia da Canicouva e sinalou que as entidades integradas baixo o paraugas de Teucro consideran que este proxecto é "un gran paso adiante" no que o tratamento de residuos é a aposta por un proceso sostible e respetuoso co medio ambiente.
Nun comunicado público sinalaron que están sorprendidos de comprobar que o principal problema que aparentemente ten nestes intres a comarca de Pontevedra sexa a ubicación da planta nun sitio ou noutro. Ao respecto, parte da base de que parece que ningún lugar no que se pretenda ubicar vai a reunir as condicións desexadas, pois "sempre imos atopar a alguén que se sinta perxudicado pola súa instalación".
En opinión de Vilacoba, se os propietarios do monte comunal no que pretende instalarse non atopan obstáculos para a súa instalación, non se debe polemizar, senón "considerar que estamos diante dunha oportunidade de deixar atrás os modelos de recollida e incineración dos residuos orgánicos", así como apostar por unha nova forma de entender o tratamento dunha parte do lixo e apostar por unha modalidade respectuosa co medio ambiente.
"Todos estes líos se evitarían si por parte das administración houbera maior transparencia"
A pesar de amosarse partidaria deste proxecto, a fedración veciñal insta ás administracións que están involucradas no tema a que "expliquen claramente" cal vai ser o tratamento que estes residuos van a ter, como vai ser proceso e cales os produtos que se levarán a esta planta. Consideran que só con transparencia, "da que non se estivo sobrado neste proceso" se poderá facer este proxecto.
"Todos estes líos se evitarían si por parte das administración houbera maior transparencia e os proxectos se debatiran, poñendo a debate os pros e os contras e facendo partícipes os cidadáns do goberno da cidade e así contando ca complicidade dos veciños para que sexan conscientes da necesidade destas infraestruturas e de que á larga melloran a calidade de vida de todos", indican.