A Facultade de Ciencias da Educación aspira a integrarse nas Escolas asociadas da Unesco

Pontevedra
17 de xullo 2014

Só outra facultade, a de Ciencias de León, acadou esta inclusión nas Escolas asociadas da Unesco. A comisión e a decana da facultade pontevedresa reuníronse este mediodía co Alcalde para reclamar o apoio do goberno local. Agardan obter unha resposta a finais de ano

Actividades que se van desenvolver en relación coa Unesco /
Presidente da Comisión PEA-Unesco, Miguel Cuevas; a decana de Ciencias da Educación, Francisca Fariña e a secretaria, Ana Acuña, co Alcalde
Presidente da Comisión PEA-Unesco, Miguel Cuevas; a decana de Ciencias da Educación, Francisca Fariña e a secretaria, Ana Acuña, co Alcalde

A decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, Francisca Fariña, o presidente e a secretaria da comisión PEA-Unesco, Miguel Cuevas e Ana Acuña, mantiveron unha reunión co alcalde da capital para sentar as bases dun convenio que permita a realización de actividades que axuden á integración da Facultade no proxecto das Escolas asociadas da Unesco.

Ata o momento, só a facultade de Ciencias de León foi incorporada a esta iniciativa para a que se está a traballar coa elaboración dunha memoria que será presentada á coordinadora estatal para que despois sexa analizada en París e na Unesco comproben se se cumpren os requisitos para que a facultade pontevedresa ingrese.

Ao longo do curso que finalizou realizáronse diferentes actividades coas escolas asociadas á Unesco como conferencias virtuais ou propostas desenvolvidas durante o día da Paz. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrou a dispoñibilidade por parte do equipo de goberno paraapoiar esta iniciativaa través dun protocolo de actuación e un posterior convenio para que se poidan realizar diferentes eventos.

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte ten previsto organizar ao longo dos meses de setembro, outubro e novembro numerosas actividades partindo dunha sesión informativa que involucre os alumnos. Ao longo do curso desenvolverase unha reunión virtual, a celebración do Día da Paz, unhas xornadas sobre o pobo palestino, xornadas sobre a protección do menor e eventos vinculados ás linguas maternas, así como propostas relacionadas coa saúde, o deporte e a vida saudable. Ademais vai promoverse que os alumnos de último curso realicen prácticas en centros asociados da Unesco.

Os promotores desta iniciativa esperan que a finais deste ano teñan algunha información sobre a súa candidatura.