A fachada do Provincial ilumínase para lembrar as perdas perinatais

Pontevedra
15 de outubro 2021

A Unidade de Partos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra subliña a importancia do acompañamento e a empatía coas nais e pais que perden un bebé, o fomento da asistencia individualizada e a continuidade nas atencións

Fachada do Hospital Provincial iluminada en recordo das mortes perinatais
Fachada do Hospital Provincial iluminada en recordo das mortes perinatais / Sergas

A fachada principal do Hospital Provincial do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra iluminouse este xoves para lembrar a dor polas perdas perinatais. Con esta iniciativa, que este ano pediu a asociación Bolboretas no Ceo, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés adheriuse á conmemoración do día mundial da concienciación sobre a morte xestacional e perinatal, visibilizando esta dor.

Este tipo de falecementos xestacionais e perinatais prodúcense nun período extenso: os que falecen logo do alumeamento ou incluso intrautero. Tamén se producen de forma temperá, casos nas primeiras semanas de embarazo e perdas ao final do período xestacional. Outros falecementos prodúcense por interrupción do propio embarazo e incluso de xeito espontáneo.

Segundo sinalan dende a Unidade de Partos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, para as nais e pais a morte xestacional ou neonatal é unha experiencia tremendamente dura. Por iso, nestes casos que se dan no contexto asistencial da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é determinante o acompañamento, a empatía, o fomento da asistencia individualizada e a continuidade nas atencións.

Deste xeito acádase por parte das mulleres e as súas parellas un proceso autónomo de toma de decisións de tipo clínico ou co coidado do meniño, incluso sobre a súa despedida.

Segundo subliña a supervisora da Unidade de Partos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Natalia Alonso, "tanto o coidado do bebé falecido tras o parto, a atención e acompañamento nesa perda e todo o seguimento posterior son sen dúbida procesos importantes polo seu papel en canto á validación social da propia experiencia do dó, pero tamén a nivel individual". 

O traballo de equipo na Unidade de Partos do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés nestas situacións está a amosar que a maioría de nais e pais que experimentan unha perda deste tipo corroboran os beneficios de poder despedirse do seu bebé tras a súa perda, incluso véndoo e coidándoo.

Os obxectos de recordo do bebé e do seu tempo no hospital revélanse coma recursos dun alto valor, que favorecen o proceso de dó coma casuística adaptativa que se produce nas perdas.

"É un momento clave para os pais, que poden coidar ao seu fillo e ter a certeza de que o meniño teña unha despedida axeitada", sinala Natalia Alonso.