A eurodeputada Lidia Senra traslada á Comisión Europea a preocupación veciñal pola ampliación da depuradora

23 de xaneiro 2019

A política integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica reclama unha alternativa consensuada coa veciñanza que permita o saneamento da ría de Pontevedra

Xuntanza da eurodeputada Lidia Senra coa Plataforma veciñal Non á ampliación da depuradora dos Praceres
Xuntanza da eurodeputada Lidia Senra coa Plataforma veciñal Non á ampliación da depuradora dos Praceres / Marea Pontevedra

A eurodeputada galega Lidia Senra trasladou á Comisión Europea (CE) a preocupación veciñal ante a posibilidade de que se acometa a creación do novo emisario submarino e a ampliación da depuradora dos Praceres, proxectos que promove Augas de Galicia, organismo pertencente á Xunta.

Segundo explica no seu escrito, estas dúas iniciativas non solucionarán os problemas do mal tratamento das augas residuais na ría de Pontevedra e conducirán ao incumprimento da directiva europea sobre este tema. Este mércores, Lidia Senra rexistraba dous escritos elaborados despois de manter unha xuntanza con integrantes da Plataforma veciñal Non á ampliación da depuradora dos Praceres.

No primeiro escrito, a eurodeputada pregúntalle á CE que coñecemento ten dos novos proxectos de saneamento para a ría e que evaluación realiza do seu contido. Segundo Senra, para estes proxectos invertirase "unha notable cantidade de fondos europeos que redundarán en aniquilar aínda máis o xa deteriorado lugar".

No segundo escrito expón que o núcleo dos Praceres leva anos "encaixonado" e sufrindo todo tipo de consecuencias medioambientais e sociais negativas derivadas das diferentes actividades industriais que se rexistran nesta zona situada entre o Porto de Marín e a factoría Ence.