A estrada provincial Marcón-Pintos-A Reigosa estará cortada durante un mes

Pontevedra
05 de novembro 2018

Estará cortada dende o 12 de novembro ata o 13 de xaneiro. Desviarase o tráfico pola PO-532 cara o polígono do Campiño

Obras da Autovía A-57 en Marcón
Obras da Autovía A-57 en Marcón / Diego Torrado

As obras da autovía A-57 obrigarán a repoñer un treito dun quilómetro da estrada provincial EP-004 Marcón-Pintos-A Reigosa.

A empresa adxudicataria das obras terá que desfacer a actual traza da vía da Deputación e construíla dende cero desviada lixeiramente cara á esquerda, baixando tamén a súa cota e eliminando dúas curvas.

Este cambio da traza da estrada provincial débese a que coa construción do viaduto no punto quilométrico 1+300 da autovía, a actual pista da Deputación quedaría sen o gálibo suficiente para manter o tránsito rodado. Hai que indicar que a ponte, de 105 metros de lonxitude, 3,5 metros por carril, e tres vanos, tamén salva o río Pintos.

A empresa adxudicataria do primeiro treito da autovía (Construtora San José) terá que responsabilizarse da obra da estrada provincial, comezando os traballos o vindeiro 12 de novembro e finalizándoos o 13 de xaneiro. Durante este tempo será necesario cortar o tráfico na zona, permitindo o paso de vehículos ao polígono do Camiño unicamente pola PO-532.

Segundo explica a construtora, o cronograma das obras iniciarase co desmonte de terras para baixar a cota da nova estrada, de forma intensiva en dous puntos localizados. Despois executarase un novo muro de contención de perpiaño para salvar un noiro e executarase a conexión coa actual estrada unha vez pasado o río. 

Aproveitando a reposición da estrada aproveitarase para suavizar a traza en dúas das curvas.

Arquivado en