Este mes conmemórase o aniversario da creación da Escola de Psoriase na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Este espazo está formado polo Servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), en colaboración coa Fundación Biomédica Galicia Sur e a compañía farmacéutica Almirall.
A través desta escola analízanse as preguntas e necesidades das persoas que padecen esta enfermidade crónica. Este mércores 17 durante a tarde vai levarse a cabo un encontro no Hospital Montecelo.
María Ángeles Flórez Menéndez, xefa do Servizo de Dermatoloxía do CHUP sinala que, ao longo deste ano de existencia, establecéronse canles de comunicación por parte dos pacientes coa Unidade de Psoriase para trasladar cuestións específicas, que posteriormente son tratadas en talleres destinados a grupos dun máximo de 15 persoas. Ademais de ofrecer datos sobre a enfermidade tamén se tratan aspectos psicolóxicos e retos que se abren unha vez que se asume a enfermidade.
A autoestima, as relacións afectivas e as actividades sociais adoitan verse afectadas ante a presenza da psoriase e derivan en tensión no paciente, provocando, por tanto, outras doenzas máis aló da saúde da pel.
Todos os talleres que se desenvolven a través da Escola finalizan cunha actividade centrada no papel das emocións. Os expertos desenvolven tres sesións anuais, que se celebran na zona de docencia de Montecelo.
Aqueles pacientes que queiran inscribirse na Escola de Psoriase ou enviar suxerencias a través da caixa de correos física que se atopa no Servizo de Dermatoloxía do CHUP na Casa do Mar de Mollavao ou tamén poden utilizar o correo electrónico: [email protected]