A Escola de Forestais investigará sobre o compost para converter os residuos nun recurso

Pontevedra
05 de outubro 2016

A Deputación de Pontevedra asinará coa Universidade de Vigo un convenio por máis de 200.000 euros para financiar a investigación durante tres anos do uso do compost de menos calidade

Composteiros no Príncipe Felipe
Composteiros no Príncipe Felipe / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra asinará nos próximos días un convenio coa Universidade de Vigo para que leve a cabo unha investigación a través da Escola de Enxeñería Forestal do campus local que permita desenvolver os usos e características dos distintos tipos de compost. Así o anunciaba este mércores o vicepresidente da Deputación Provincial, César Mosquera, que sinalou que este acordo aprobouse o venres durante a próxima Xunta de Goberno da institución provincial.

As profesoras de Forestais, Emma Fernández e Purificación Marcet serán as encargadas de poñer en marcha este proxecto para o que se contratará a outros dous doutores e implicarase aos estudantes a ravés dos traballos fin de grao e fin de máster. Destinaranse máis de 200.000 euros para un período de tres anos.

O obxectivo é que aquela compostaxe elaborada que non sexa de tipo A senón de categoría inferior teña saída nos montes, segundo sinalou o vicepresidente provincial, en noiros e noutros puntos con solo de baixa calidade.

Segundo indicou César Mosquera, as investigacións poderán realizarse nos terreos da planta da Canicouva, polo que o Concello de Pontevedra tamén entrará no acordo, onde haberá ao redor de 9 hectáreas de terreos con pendentes pronunciadas e con espazos de cantería abandonada nos que se comprobará o funcionamento desta materia biodegradable.

A profesora Emma Fernández sinalou que se tratarán espazos de vexetación con estes residuos acompañados de distintos condicionantes para eliminar aqueles elementos tóxicos e permitir así a restauración de solos degradados.

O vicepresidente da Deputación indicou tamén que espera que máis da metade do compost que se elabore sexa de tipo A, atendendo aos traballos que se están desenvolvendo inicialmente. Mosquera apuntou que se non se dá este resultado sería que "a xente non comprométese" co proxecto.

Arquivado en