A deputada socialista Patricia Vilán pregunta que vai facer a Xunta con Elnosa

Pontevedra
20 de setembro 2017

A representante socialista pregunta ao goberno de Núñez Feijóo por que quere deixar para o último momento a elaboración dun informe ambiental sobre a factoría

Fábrica de Elnosa en Lourizán
Fábrica de Elnosa en Lourizán / Mónica Patxot

A portavoz de Medio Ambiente do grupo socialista no Parlamento de Galicia, a pontevedresa Patricia Vilán, denunciaba este mércores o "lamentable desleixo" do goberno de Núñez Feijóo ante o incumprimento da normativa ambiental por parte da electroquímica Elnosa en Lourizán. 

Patricia Vilán presentaba en comisión parlamentaria unha pregunta sobre a utilización dunha técnica contaminante prohibida por parte de Elnosa para producir cloro. O 11 de decembro a empresa deberá deixar de utilizar mercurio no seu proceso produtivo e pasar a un sistema de "membrana", menos contaminante e a representante socialista pregunta á Xunta por que quere deixar para o último momento a elaboración dun informe ambiental sobre a factoría.

Pide que o goberno galego explique se o informe será positivo e criticou que deriven a responsabilidade na Dirección Xeral de Costas, que aínda non se pronunciou sobre a prórroga para que a fábrica permaneza na ría pontevedresa. 

Vilán sinala que o límite para utilizar mercurio atópase fixado pola Unión Europea e se non se cambia de técnica, a Xunta non podería prorrogar a Autorización Ambiental Integrada. A deputada socialista lembrou tamén que hai preto de 100 traballadores e as súas familias esperando que o goberno galego tome unha decisión e ofrézalles unha resposta. "Están a xogar coa xente a menos de dous meses da data límite", criticou.

ENCONTRO DE MOREIRA CO COMITÉ DE EMPRESA DE ELNOSA

O portavoz do Partido Popular, Jacobo Moreira, mantiña un encontro este mércores con representantes do comité de empresa de Elnosa para avaliar a situación na que se atopa a factoría.

Os populares entenden que é necesario manter os postos de traballo en Pontevedra e, por tanto, se a empresa cumpre cos requisitos medio ambientais debe de permanecer na súa actual localización.

Arquivado en