A Deputación presenta un calendario de actos ao fío do 25-N

Pontevedra
13 de novembro 2019

A presentación contou coa proxección de varios vídeos e a música reivindicativa de Laura Lamontagne e rematou co despregue de dúas lonas actualizadas na fachada do edificio cos nomes das mulleres asasinadas pola violencia machista. 51 no que vai de ano e dende que se contabilizan os datos da violencia machista 1.027 mulleres asasinadas en España

A Deputación presenta un calendario de actos ao fío do 25-N Cristina Saiz

O vestíbulo o Pazo Provincial acolleu este mércores a presentación do calendario de actos ao fío do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Nesta ocasión a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quixo estar acompañada de deputadas provinciais, alcaldes e alcaldesas e mulleres implicadas nos programas de igualdade da institución provincial.

A presentación contou coa proxección de varios vídeos e a música reivindicativa de Laura Lamontagne e rematou co despregue de dúas lonas actualizadas na fachada do edificio cos nomes das mulleres asasinadas pola violencia machista. 51 no que vai de ano e dende que se contabilizan os datos da violencia machista 1.027 mulleres asasinadas en España.

A campaña da institución provincial polo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero leva o nome "Sementando para a igualdade", e estenderase dende esta mesma semana ata decembro, para reivindicar, tal e como asegurou a presidenta, que "non hai nada máis urxente nin máis prioritario que loitar contra as violencias machistas".

Este mesmo mércores 13 de novembro comeza a programación no Palacete das Mendoza en Pontevedra coa presentación do catálogo "Mulleres do silencio", un acto que repetirase en Vigo o xoves día 15 no MARCO. 

Tamén este xoves 14 a exposición de bonecas Barbies intervidas "Rompe, Xoga en Igualdade", chegará ata o Auditorio de Soutomaior onde permanecerá ata o 11 de decembro. A mesma mostra, pero a través de paneis, viaxará o 20 de novembro ata a sede de FOANPAS en Vigo.

O 25 de novembro arrancará a V edición do programa "Mulleres en acción. Violencia Zero", comisariada por Paula Cabaleiro, en Pontevedra (ás 12.00 horas) e Vigo (19.00 horas) con dúas performances chamadas "Pan duro I e II" protagonizadas por Ana Gesto, María Marticorena, Ana Matey e Isabel León. 

A quinta edición de "Violencia Zero" desenvolverá ao longo dos 12 meses do ano en 25 concellos da provincia accións de poesía e literatura, música, grafitti, danza contemporánea e acción escénica. A principal novidade desta nova edición é o impulso da participación directa da cidadanía, con traballos colectivos que van implicar a centros escolares e ao tecido asociativo da provincia, poñendo especial énfase na mocidade.

O 27 de novembro terá lugar a presentación dun "grafitti colaborativo" que se fará nos muros do Centro Penitenciario da Lama, coa colaboración de persoas internas e que se centrará na desigualdade de oportunidades e loita contra diferentes violencias machistas.

Tamén, e no marco desta programación, chegará en decembro "Ramonas on tour", liderado por Patricia Moon, ata Vilagarcía de Arousa. Este programa da Deputación ten por obxectivos concienciar sobre a igualdade con concertos, exposición e conversas sobre a situación das mulleres na cultura. Así, tense programado un coloquio no que se afondará sobre as mulleres na industria cultural baixo o nome "Nunca máis sen nosoutras" e, por último un concerto.

Finalmente, e por terceiro ano consecutivo, a Deputación de Pontevedra adheriuse á iniciativa "En negro contra as violencias" dotando de materiais da campaña a 23 concellos da provincia que tamén se sumaron á proposta.