A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en nome propio e no de todo o goberno provincial, condenou as pintadas e ameazas proferidas contra o vicepresidente da institución, César Mosquera. Unha actitude que definiu como "fascista".
O goberno provincial comezou xa a "estudar as posibles vías legais para garantir a integridade" de Mosquera, ante uns feitos que consideran "intolerables"
Ademais trasladou a "solidariedade" do conxunto do goberno bipartito (PSOE-BNG) con César Mosquera "por estas actitudes intolerables que só podo cualificar como fascistas".
Rexeitamento que se estendeu a todos aqueles que ante calquera conflito "no canto de acudir ao diálogo dedícanse a facer pintadas e ten este tipo de comportamento" pero fundamentalmente, Carmel Silva, reprochou as "ameazas" de Comisións Obreiras contra unha persoa "ao dicir que aínda poden ocorrer cousas máis graves".
Pola súa banda o delegado sindical de Comisións Obreiras na Deputación, José Ramón Piñeiro, xustificou as pintadas realizadas pola cidade de Pontevedra nas que se insulta ao vicepresidente desta institución, César Mosquera.
Piñeiro reiterou leste mesmo venres as súas declaracións apuntando que "cando alguén manipula ou insulta aos traballadores, algúns pola súa conta queren exteriorizar a súa cabreo" recoñecendo que os funcionarios do Parque de Maquinaria son os autores destas pintadas que cualificou como unha "cuestión mínima" á vez que advertiu que se o conflito segue nesta liña "vai pasar calquera cousa grave" xa que o seu sindicato "non vai poder paralas".
A presidenta da Deputación, que afirmou ser afiliada de Comisións Obreiras, expresou o seu "enorme desgusto e estupefacción ante as declaracións do delegado sindical" e fixo un "chamamento" a todos os grupos políticos "para que se poñan ao lado da legalidade" e que entende que este tipo de comportamentos "non poden ser apoiados por ninguén".
CCOO RENUNCIA A INTERVIR NO PLENO
Aínda que dispoñen de "outras canles" os traballadores do Parque de Maquinaria da Deputación, preferiron a visibilidade que achega o Pleno da Corporación para pedir unha quenda de palabra e trasladar deste xeito ao goberno provincial as súas queixas. Así estaba previsto, pero a última hora, a través do seu portavoz e delegado de Comisións Obreiras, José Ramón Piñeiro, os traballadores do Parque de Maquinaria renunciaron á súa intervención.
"Os ánimos están moi tensos e podía ocorrer calquera cousa", foi a explicación que deu este delegado sindical para xustificar esta decisión. Volverán pedir unha quenda de palabra para o próximo pleno.
Con este "xesto de boa vontade", consideran que a pelota está agora no tellado da administración e que agora lle toca "mover ficha" ao goberno provincial, xa que asegurou Piñeiro que "este conflito é posible resolvelo pero xa non depende de nós, senón do equipo de goberno".
A pesar desta invitación ao diálogo, os traballadores advirten tamén que manterán as actuais convocatorias de folga e protestas ata o 3 de xuño.