A Deputación de Pontevedra concedeu subvencións a dez celebracións na provincia coa intención de situar a Pontevedra como destino de identidade cultural. Desta forma, segundo indican desde a institución provincial, achéganse 72.000 euros para desenvolver accións de promoción destes eventos.
Tamén poñerá en marcha dous proxectos para crear produto en relación coa Festa do Corpus Christi, en Ponteareas; e a Rápaa das Bestas de Sabucedo, na Estrada, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia que promove o Goberno de España.
Para cada festa de interese turístico internacional, a institución que preside Carmela Silva destina 8.000 euros. Xa se celebraron a Arribada de Baiona e a Feira do Cocido de Lalín. A próxima será a do Corpus de Ponteareas durante esta próxima fin de semana; para continuar coa Rapa das Bestas en xullo e a Festa do Viño Albariño en Cambados e a Romaría Viquinga de Catoira no mes de agosto.
24.000 euros destínanse a catro festas de interese turístico nacional con achegas de 6.000 euros cada unha. Trátase da Festa da Lamprea de Arbo; a Reconquista de Vigo, xa celebradas; e a da Festa da Auga de Vilagarcía de Arousa e a do Marisco do Grove, previstas para agosto e outubro.
Segundo a Deputación, Pontevedra como provincia é o destino estatal con máis festas de interese turístico asociadas á identidade cultural. Ademais, a institución realiza accións promocionais tanto das festas como dos destinos a través de Turismo Rías Baixas e nos medios online.