A Deputación dará atención prioritaria a Príncipe Felipe ante a epidemia de coronavirus

Pontevedra
13 de marzo 2020

A Deputación incrementará a vixilancia de entradas e saídas e tentará reforzar o persoal sanitario, ademais os menores residentes terán medidas de restrición "e solicitaremos que os do centro de día con vulnerabilidade poidan ser residentes tamén", indicou a presidenta Carmela Silva.

Carmela Silva e César Mosquera
Carmela Silva e César Mosquera / Cristina Saiz

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente da institución provincial, César Mosquera, compareceron este venres en rolda de prensa tras manter unha reunión co Comité de Seguimento do Covid-19, na que se estableceu como "prioridade" a atención ao Centro Príncipe Felipe.

Trátase dunha institución, de carácter educativo e social, que está concibida para acoller e formar a aqueles nenos e mozos en situación de risco ou exclusión social, e que ademais traballa no ámbito da educación (Primaria, Infantil e Formación Profesional) e tamén se ocupa dos deportes.

Carmela Silva explicou que a Deputación incrementará a vixilancia de entradas e saídas e tentará reforzar o persoal sanitario, ademais os menores residentes terán medidas de restrición "e solicitaremos que os do centro de día con vulnerabilidade poidan ser residentes tamén", indicou. "É a nosa maior preocupación", insistiu.

O goberno da Deputación de Pontevedra tamén decidiu pechar ata novo aviso todas as oficinas de turismo dependentes da institución, así como todas as dependencias do Servizo ORAL na provincia. A presidenta Carmela Silva asinou este venres a súa sétima resolución en tres días para suspender de xeito
indefinido a atención presencial ao público.

Atendendo as recomendacións das administracións competentes, o goberno provincial está a aplicar unha serie de medidas "sen facer ningún tipo de  cuestionamiento", segundo destacou Carmela Silva xa que, segundo dixo, "é o momento de traballar conxuntamente".

Neste sentido, engadiu César Mosquera que "nestes momentos temos que pensar: que é o que podemos facer nós polo sistema sanitario público?", dixo o vicepresidente da Deputación #ante a posibilidade de que a propagación do virus "supere e desborde as capacidades do sistema sanitario público" e para evitalo, "todos temos un papel fundamental".

Carmela Silva e Mosquera convidaron aos integrantes do grupo provincial do Partido Popular a sumarse a este Comité de Seguimento do  Covid-19 que se reunirá dous días á semana.

"Este é un momento para a serenidade, a confianza nas autoridades competentes sanitarias e tamén de responsabilidade de todas e de todos", engadiu Carmela Silva.

A presidenta tamén informou da reunión mantida polo  deputado delegado de Réxime Interior e Persoal cos xefes de servizo de cada un dos departamentos da administración provincial para coordinar a aplicación das medidas postas en marcha, entre elas as que teñen que ver co día a día dos propios funcionarios.

Finalmente, a presidenta provincial ha instado á cidadanía para seguir de maneira rigorosa as recomendacións do Goberno central e das autoridades sanitarias e insistiu especialmente no consello de "quedarse na casa".