Os deputados de Mobilidade, Uxío Benítez, e o de Persoal, López Font, comprometéronse este venres a realizar no prazo dun mes unha avaliación do novo modelo de organización do traballo que vén de aplicarse no parque de maquinaria provincial, así como a manter unha nova reunión cos representantes dos traballadores o 21 de xuño para poñer sobre a mesa as conclusións e debatelas.
Os representantes provinciais consideraron "moi positiva" a reunión cos voceiros dos traballadores, posto que estivo centrada nos cambios organizativos do parque de maquinaria (coa implantación de xornada continuada) e na eficacia do servizo. "Aplaudimos o interese dos sindicatos sobre a eficiencia do modelo de traballo", agradeceron.
A xuntanza estivo precedida por unha singular protesta por parte dos traballadores do parque de maquinaria que cantaron un maio adicado ao goberno provincial.
Na mesa de diálogo aberta este venres os deputados escoitaron as propostas e suxestións dos representantes do plantel e recoñeceron que, "dado que as variacións aplicadas supoñen un cambio de calado no modelo organizativo vixente ata o de agora é preciso avaliar o seu funcionamento".
O deputado Uxío Benítez lembrou que o novo goberno provincial quere aplicar un modelo de mobilidade "que rache co sistema anterior", buscando unha coordinación entre os medios e persoal do parque de maquinaria (que ata o de agora se utilizaban, segundo apuntou, para traballar nos concellos afíns ao PP) co servizo de mantemento e conservación de estradas provinciais.
"Queremos optimizar o traballo para mellorar a situación das vías de titularidade provincial e hai que ter moitos factores en conta. É preciso dispoñer de tempo de análise suficiente para non facer valoracións precipitadas e no prazo dun mes porase sobre a mesa a nosa valoración da implantación. Todos poderemos facer aportacións para mellorar aínda máis a proposta actual de organización", subliñaron Benítez e Font.
Os deputados lembraron que a rede viaria de titularidade provincial ten unha lonxitude total de 700 quilómetros. Nestes momentos a principal prioridade do novo goberno provincial é garantir un mantemento axeitado para mellorar a seguranza viaria xunto a plans como o MOVESE, que pretende facilitar os tránsitos peonís mediante o calmado de tráfico, con pasos sobreelevados, redutores de velocidade e zonas 30, entre outras medidas.