A Deputación asegura que a contratación de empresas para realizar rozas xa era unha práctica habitual do goberno de Louzán

09 de decembro 2016

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, asegurou este venres que "o Partido Popular e Comisións Obreiras seguen a súa estratexia demagóxica conxunta polo parque de maquinaria" ao criticar que se contraten empresas para completar a actuación das brigadas de mantemento das estradas provinciais

Parque de Maquinaria
Parque de Maquinaria / PontevedraViva

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, asegurou este venres que o Partido Popular e Comisións Obreiras "seguen a súa estratexia demagóxica conxunta polo parque de maquinaria" ao criticar que se contraten empresas para completar a actuación das brigadas de mantemento das estradas provinciais. 

O nacionalista asegurou que resulta "ridículo" que continúen a súa campaña político-sindical poñendo en cuestión agora algo que a Deputación facía "de xeito habitual" durante a etapa de Louzán.

"Queremos ser previsores para que no verán estean as estradas provinciais perfectamente conservadas e artellamos unha maneira de organizar as rozas que consideramos máis eficiente. En calquera caso, no ano 2015 o departamento de Louzán gastou 610.000 euros en contratar empresas para rozar as vías provinciais e, se os técnicos consideraron que era necesario, ben feito estivo. Nós estamos a aproveitar os medios propios tirando o máximo rendemento deles para que traballen nas estradas provinciais, non nos concellos amigos do PP, como facía ata o de agora o parque de maquinaria", dixo o deputado.

O departamento de Mobilidade, segundo informan dende o goberno provincial, vén de reducir neste ano o gasto en empresas externas para o mantemento, roza e limpeza das estradas provinciais nun 73% con respecto ao anterior executivo provincial no seu último ano de goberno.

Este ano a Deputación vai contratar oito empresas por un montante total de 166.000 euros para realizar rozas de 800 quilómetros da rede provincial, se ben o goberno de Louzán no 2015 reservara un orzamento de ata 724.261 euros para o contrato dos saneamentos e limpezas dar marxes das estradas provinciais -finalmente adxudicado por 610.000 euros-. A este custe sumábanse habitualmente outras contratacións menores para rozas puntuais, así como de aluguer de maquinaria externa para realizar máis traballos. 

"A maneira de actuar entre o actual goberno e o anterior, pois, está á vista. Nós utilizamos os medios propios do parque de maquinaria e antes dedicábase a maquinaria provincial a traballar fóra das vías de titularidade da Deputación", dixo Benítez.

En canto á actividade do parque, Benítez destacou que "só a planta de aglomerado non está operativa porque non ofrece servizos de calidade. Ninguén hoxe en día fai asfaltados en frío porque non resisten. Resultan máis caros… o que si aportaban antes era que os favores de asfaltar podían vendérselles dende a Deputación aos alcaldes máis veces porque as fochancas aparecían cada pouco. Nós non queremos iso. Dende logo, as as máquinas rozadoras, motoniveladoras e camións do parque de maquinaria si están a funcionar, pero nas vías provinciais", sentenciou o deputado de Mobilidade.

Arquivado en