A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, compareceron este xoves en rolda de prensa para dar a coñecer unha nova liña de axudas para apoiar economicamente aos concellos da provincia nas obras de emerxencia derivadas da situación de seca.
Aínda que, a día de hoxe, non hai graves problemas de subministración de auga, a Deputación de Pontevedra habilita esta iniciativa en previsión de que a seca comece a afectar aos concellos. A medida diríxese aos de menos de 20.000 habitantes xa que "os pequenos teñen dificultades orzamentarias para actuacións extraordinarias e imos axudalos para tomar medidas de emerxencia", explicou César Mosquera.
Así, serán subvencionables actuacións como o enchido de depósitos, puntos de achega, eliminación de fugas puntuais na rede, captacións de emerxencia ou mesmo campañas de moderación do consumo, entre outras. Este mesmo xoves a administración provincial púxose en contacto por carta coas entidades locais para que, antes do 20 de agosto, fagan as súas achegas para adaptar esta lista.
Cada entidade local recibirá 10.000 euros fixos máis a cantidade resultante de multiplicar a súa poboación por 5. En total a liña de axudas estará dotada de 3 millóns de euros.
Mosquera indicou que "estamos traballando na elaboración das bases para que poidan ir ao pleno de setembro e que poidan ter os recursos canto antes", a previsión é que se poidan entregar as axudas no mes de outubro. "Queremos que os concellos saiban desde hoxe que van ter o respaldo da Deputación para pagar este tipo de actuacións: que actúen, que subsanen xa os problemas, porque van ter financiamento", afirmou o vicepresidente.
Carmela Silva destacou que con esta medida "novidosa e potente" coa que "imos anticiparnos ás posibles situacións graves" converténdose na primeira deputación galega en poñer en marcha unha actuación similar "e a que máis recursos dedica en todo ou Estado".