A corporación de Poio ultima a elaboración da súa alegación conxunta contra o proxecto do parque eólico do Castrove

Poio
05 de agosto 2021

Os catro grupos da Corporación municipal de Poio (Bloque Nacionalista Galego, PSdeG-PSOE, Avante Poio e Partido Popular) ultiman a redacción da alegación conxunta que presentarán contra o informe de avaliación ambiental do proxecto do parque eólico que se pretende instalar no Monte Castrove

Xunta de voceiros do Concello de Poio
Xunta de voceiros do Concello de Poio / Concello de Poio

Os catro grupos da Corporación municipal de Poio (Bloque Nacionalista Galego, PSdeG-PSOE, Avante Poio e Partido Popular) ultiman a redacción da alegación conxunta que presentarán contra o informe de avaliación ambiental do proxecto do parque eólico que se pretende instalar no Monte Castrove. 

Este xoves tivo lugar unha nova Xunta de Portavoces, na que participaron os portavoces de cada grupo (Marga Caldas polo BNG, Gregorio Agís polo PSOE, Silvia Díaz por Avante e Ángel Moldes polo PP) e nas que os grupos achegaron as súas propostas, de cara á elaboración dun documento único que aglutine todas as achegas. A sesión estivo presidida pola tenente de alcalde, Chelo Besada.

O Concello, que desde o primeiro intre se postulou en contra desta actuación, defende que este parque eólico suporía un grave impacto a nivel visual e paisaxístico, nunha contorna en cuxas proximidades existen vivendas e núcleos de poboación que tamén se verían seriamente afectadas. 

Ademais, tamén inciden na cuestión do valor patrimonial do Monte Castrove, que se podería ver gravemente ameazado pola actuación. Tanto Goberno local como oposición confían en que esta alegación conxunta, así como as que están a presentar outros colectivos e particulares, sexan tidas en conta. 

O prazo para o envío de alegacións, que é de 30 días hábiles, aínda permanece aberto. 

Ademais deste documento conxunto, o Concello de Poio tamén pon a disposición da cidadanía asesoramento e información sobre o proxecto, de xeito que poida ser consultado pola veciñanza. Precisamente, este é un dos temas da reunión telemática convocada pola Concellería de Participación Veciñal, ás 20.00 horas deste xoves.

Lémbrase, asemade, que os detalles do proxecto tamén se poden consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente. Os dirixentes municipais tamén realizan esta convocatoria para trasladar aos participantes os detalles da alegación deseñada pola Corporación municipal.

 

Arquivado en