A corporación censura o "populismo barato" do PP co seu cambio de criterio sobre a A-57

Pontevedra
21 de xaneiro 2019

A A-57 logrou unir a toda a corporación contra o Partido Popular. Non entenden o cambio de postura que, segundo BNG, PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns, emprendeu o PP sobre esta infraestrutura agora que non gobernan en Madrid

Pleno municipal no Teatro Principal de Pontevedra
Pleno municipal no Teatro Principal de Pontevedra / Mónica Patxot

A A-57 logrou unir a toda a corporación contra o Partido Popular. Non entenden o cambio de postura que, segundo BNG, PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns, emprendeu o PP sobre esta infraestrutura agora que non gobernan en Madrid.

O portavoz do PP, Rafa Domínguez, esixiu no pleno municipal deste luns instar a Fomento a retirar as dúas alternativas para o paso da A-57 por Xeve e Bora e buscar unha terceira vía que sexa "lo menos lesiva" para os veciños de ambas as parroquias.

"No tienen fuerza para ponerse al lado de los vecinos", asegurou Domínguez aos seus compañeiros de corporación, ao entender que unha autovía como esta "nunca va a contar con el beneplácito de todos" pero se poden reducir as súas afeccións "hablando con los afectados".

Desde o goberno, o edil César Mosquera lembrou que os trazados propostos por Fomento para o tramo A Ermida- Pilarteiros "foron feitos na época do PP" no Goberno do Estado, polo que censurou que "en función de quen estea" na Moncloa para os populares "pasa de ser unha alternativa bárbara a un desastre".

Aceptar a moción presentada por Rafa Domínguez, dixo, supoñería "volver empezar" coa tramitación da A-57, polo que avogou porque o proceso siga adiante e que os afectados presenten as súas alegacións para que mellore o seu trazado "con criterios razoables".

As críticas ao cambio de postura do PP intensificáronse con Cidadáns. María Rey a lamentado a "incoherencia" dos populares, ao tentar "tirar por tierra" un proxecto que lideraran Ana Pastor e Mariano Rajoy ata hai uns meses.

"Estar con los vecinos no es mentirles, no es decirles lo que quieren escuchar en función de si se está en el gobierno o si se está oposición", subliñou Rey, que entende que o PP "tuvo muchos anos" para buscar un mellor trazado e que o xiro dado por Rafa Domínguez non é máis que "populismo barato".

A edil de Cidadáns reclamou "ayudar en lo que podamos" a que os afectados presenten alegacións para que a afección sexa "lo menos traumática posible", pero censurou que o PP queira "desprestigiar" aos técnicos ou "empezar de cero" porque un novo proxecto "nos costaría a todos muchos millones de euros".

O socialista Tino Fernández engadiu que "a ninguén lle pode coller por sorpresa" o trazado da A-57 e menos a un PP ao que ve "tirado ao monte" opoñéndose a un proxecto que xestionaron o últimos sete anos, tempo máis que suficiente para poder solucionar "ou que agora ven como unha desfeita".

Fernández advertiu a Domínguez da "falta de credibilidade" dos populares, xa que sinalou que "non é entendible" que opten agora por unha posición "rupturista".

Luís Rei, pola súa banda, foi fiel á oposición que desde o inicio da súa tramitación mantivo Marea con respecto á autovía A-57. Na súa intervención, volveu a criticar o "malgasto maiúsculo" que supón esta infraestrutura e afirmou que o diñeiro que se destina á súa construción estará mellor empregado en rescatar a AP-9, "un calote que nos zoupa a todos".

CASAS DE APOSTAS E CENTROS SOCIAIS

Cara e cruz para as mocións presentadas por Marea. Unha delas, a que solicitaban ao goberno municipal que buscase mecanismos para limitar a apertura en Pontevedra de salóns de apostas, establecendo distancias mínimas con espazos ou centros educativos e sociais, foi aprobada por unanimidade de toda a corporación. 

Peor sorte correu a súa petición ao Concello para que coordinase o funcionamento de todos os centros sociais e instalacións deportivas do municipio e se revise as súas contas para evitar irregularidades. O voto en contra do BNG e a abstención do PSdeG-PSOE impediron a súa aprobación. PP e Cidadáns votaron a favor.

Arquivado en