A construción dun paso superior na N-550 provocará desvíos de tráfico en Vilaboa

Vilaboa
29 de outubro 2023

Dentro das obras de construción da Autovía A-57 o Ministerio de Transportes aborda a construción dun paso superior na contorna do quilómetro 130,5 da estrada N-550 o que afectará o tráfico, tanto na propia estrada nacional como na súa intersección coa N-554

Pedro Blanco e César Poza
Pedro Blanco e César Poza / Delegación do Goberno en Galicia

Dentro das obras de construción da Autovía A-57 o Ministerio de Transportes aborda a construción dun paso superior na contorna do quilómetro 130,5 da estrada N-550 o que afectará o tráfico, tanto na propia estrada nacional como na súa intersección coa N-554.

Os traballos iniciaranse a partir das 22:00 horas deste domingo 29 de outubro. 

Unha glorieta provisional ordenará os tráficos da intersección e servirá de apoio para as operacións sucesivas ata completar a remodelación da actual ligazón coa autoestrada AP-9.

Para poder acometer estes traballos e garantir a seguridade dos traballadores e usuarios, desviarase o tráfico desde as 21:00 horas do xoves 2 de novembro ata as 07:00 do venres día 3 e desde as 21:00 horas do 3 de novembro ata as 08:00 horas do sábado día 4. O desvío permitirá realizar as operacións nocturnas de izado de vigas dun novo paso sobre a N-550, que requirirán a circulación con paso alternativo regulado por semáforos.

O desvío do tráfico estará condicionado polas condicións meteorolóxicas, que estes días están a ser moi adversas e poden influír no desenvolvemento dos traballos.

Nos seguintes días e ata a finalización do taboleiro será precisa a redistribución do tráfico baixo o taboleiro para que o mesmo se poida executar con seguridade. Os carrís delimitaranse con conos adoptando unha configuración compatible cos traballos para realizar sobre o taboleiro. A implantación dos carrís pode requirir cortes momentáneos do tráfico, para ser realizados en condicións de seguridade para usuarios e traballadores.

Este domingo, o delegado do Goberno en Galicia Pedro Blanco visitou Vilaboa para repasar co alcalde César Poza nomeadamente a construción deste paso a nivel que ten como obxectivo de favorecer a mobilidade entre os barrios de Carballal e O Toural. "Trátase dun investimento de 400.000 euros que permitirá o paso de vehículos agrícolas, así como o tránsito de peóns e ciclistas por este punto", explicou o delegado. 

SALINAS DO ULLÓ

O delegado do Goberno en Galicia destacou a aposta do Goberno pola transformación sustentable dos concellos apoiando os proxectos promovidos desde as entidades locais para mellorar a calidade de vida da cidadanía, como é a nova senda litoral que unirá as Salinas de Ulló co lugar denominado A Cancela do Lobo, en Vilaboa. Esta actuación contará cun investimento superior aos 300.000 euros procedentes do Ministerio de Transición Ecolóxica a través da Dirección Xeral de Costas e Mar.

 

Arquivado en