O sindicato CIG anunciou a súa intención de propoñer a convocatoria de folga no transporte sanitario, tanto do 061 como o non urxente, ante a situación de "colapso" na que se atopa o sector.
O secretario comarcal da Federación Galega de Alimentación, Mar e Transporte da CIG (FGAMT-CIG), Xabier Aboi, compareceu este martes en rolda de prensa en Pontevedra para reclamar a negociación do convenio colectivo e rexeitar as pretensións da patronal do sector de aplicar descolgues. Aboi denunciou o bloqueo patronal á negociación do convenio colectivo, que leva dous anos caducado.
Uns 200 traballadores prestan servizo neste sector a través da firma Ambuibérica na área sanitaria de Pontevedra-Salnés, conformada por 27 concellos para os que hai un total de 12 ambulancias.
O comité de empresa de Ambuibérica relatou a situación complexa que se vive no transporte sanitario que xa está a afectar negativamente aos pacientes. Entre outros problemas citaron os excesos de xornada de maneira continuada, a falta de persoal e tamén que moitos servizos non están dotados cos medios materiais que se precisan.
Segundo a CIG, a raiz do problema atópase no último concurso público adxudicado a empresas que presentaron ofertas á baixa e agora non lles da para cubrir gastos e tampouco para sentarse a negociar o convenio.
De feito, Ambuibérica chegou a pedir un 25% de rebaixa salarial. Xabier Aboi advertiu que no caso de que a Xunta continúe "a mirar para outro lado" sen intervir no conflito laboral aberto "isto vai rebentar" e haberá mobilizacións.
Esa implicación da Consellaría de Sanidade non é só para que medie para desbloquear as conversas na mesa de negociación do convenio, tamén pide a CIG que dote de máis recursos a este servizo.