A carballeira que abraza e reconforta os peregrinos

Barro
16 de marzo 2023

Pola Portela, en Barro, pasan a diario decenas de peregrinos no seu camiño cara a Santiago. Ata o de agora, ao chegar a este punto, debían rodear un bosque que non estaba nas mellores condicións. Pero un proxecto da Fundación Xoán XXIII cambiouno todo

Carballeira da Portela habilitada como zona de descanso para os peregrinos
Carballeira da Portela habilitada como zona de descanso para os peregrinos / PontevedraViva

Pola Portela, en Barro, pasan a diario decenas de peregrinos no seu camiño cara a Santiago. Ata o de agora, ao chegar a este punto, debían rodear un bosque que non estaba nas mellores condicións. Pero un proxecto da Fundación Juan XXIII cambiouno todo.

O que era un espazo degradado, cheo de entullo e maleza, converteuse nunha flamante carballeira que actúa como zona de estancia e convivencia para peregrinos e veciños. Esa foi a petición que fixeron os comuneiros da parroquia aos responsables da fundación.

"Pedíronnos darlle un cambio a todo isto", explicou a PontevedraViva o coordinador do proxecto, José Mariño. E así, empezaron aos poucos a transformar este espazo. O primeiro, segundo rememora, foi eliminar as especies invasoras, especialmente piñeiros e acacias.

Tras limpar todo este ámbito, instalaron mesas de madeira "para que a xente tivese un sitio para parar e descansar", sinala o responsable da Fundación Juan XXIII, e déronlle unha segunda vida aos troncos dos piñeiros que tallaron, que se converteron en esculturas. 

O seguinte paso foi habilitar sendeiros con sabre para convidar os peregrinos a atravesar polo medio da carballeira, en lugar de rodeala; un roteiro no que colocaron unhas pedras con frases motivadoras en español, galego e portugués "que sirvan de reflexión para os peregrinos".

Para o peche desta parcela, segundo Mariño, utilizáronse troncos de acacias negras "porque pensamos que así quedaría todo máis naturalizado", potenciando así a filosofía desta actuación, que non era outra que "facer moitas cosas pero sen gastar diñeiro".

Así, todo os materiais empregados para acondicionar esta área de descanso foron reciclados doutros proxectos, pedras da chaira do polígono industrial, restos de bloques procedentes dun serradoiro ou madeira de carballos tallados xunto a un depósito de augas.

"Fomos facendo as cousas co que tiñamos en cada momento", sostén o coordinador da fundación, que destaca que en todo este ámbito plantáronse árbores autóctonas, entre eles loureiros, acivros, freixos ou bidueiros, "que complementan o ecosistema da carballeira".

Coa inauguración deste espazo termina ademais o proxecto piloto que, ao longo dos tres últimos anos, puxo en marcha a Fundación Juan XXIII para impulsar a formación dual dos seus alumnos -todos eles con contrato de traballo- en viveiros, xardinería e traballos forestais.

Seguindo os últimos traballos de acondicionamento estaban, entre outros, os responsables da comunidade de montes da Portela, que foron os que cederon estes terreos de maneira desinteresada "para o desfrute dos peregrinos e dos veciños", segundo o seu presidente, Óscar Fontán.

"Quedou moi ben. É un resultado fenomenal, mellor do que esperabamos", subliñou Fontán, que lembrou que esta zona era un bosque que estaba "totalmente abandonado", con restos de entullos e maleza que facían que todo for un "desastre".

Agora, grazas a esta iniciativa, os comuneiros celebran que todo este ámbito que atravesa o Camiño Portugués teña un fin lúdico e recreativo, de forma que todos os que pasen por alí "coñeza a parroquia e marchen contentos" para continuar co seu roteiro espiritual.