A canteira de áridos de Marcón, analizada como posible ubicación da planta de compostaxe

Pontevedra
07 de novembro 2014

Marcón é a última parroquia que foi sondada para acoller a planta de compostaxe que impulsan o Concello de Pontevedra e a Deputación. Así o desvelou, de novo, o concelleiro do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández. Asegura que técnicos da empresa Lagares Oca, responsable do estudo de viabilidade desta instalación, revisaron as condicións que presentan diferentes localizacións

Canteira da Comunidade de Montes de Marcón
Canteira da Comunidade de Montes de Marcón

Marcón é a última parroquia que foi sondada para acoller a planta de compostaxe que impulsan o Concello de Pontevedra e a Deputación. Así o desvelou, de novo, o concelleiro do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández. Asegura que técnicos da empresa Lagares Oca, responsable do estudo de viabilidade desta instalación, revisaron as condicións que presentan diferentes localizacións.

Unha delas, sobre a que segundo Agustín Fernández fixeron unha maior incidencia, é a canteira de áridos de Laxinde, xestionada ata hai anos da empresa Faro e adquirida posteriormente pola construtora Sercoysa. Está situada nas inmediacións do polígono industrial do Campiño e eses terreos son propiedade da Comunidade de Montes de Marcón, que chegou a recibir un canon anual de máis de 33.000 euros.

O edil socialista asegura que aínda que a decisión "no está tomada", insiste en que Marcón "no es el lugar adecuado" para unha planta destas características, ao igual que o resto das parroquias do rural pontevedrés. Denuncia que se está xerando "desazón" entre os veciños, especialmente pola "falta de información y de transparencia" que está a presidir todo este proceso.

Fernández insiste en que para evitar esta "alarma social", o mellor sería que se fixesen públicas todas as ofertas recibidas, tanto as que entraron por rexistro coma as que presentaron de forma verbal. Reitera que, en todo caso, o sitio idóneo para a planta sería un polígono industrial, "dende logo moito mellor que destruír seis hectáreas de monte".

Arquivado en