A Canicouva pide tranquilidade: "Non vamos a permitir nin unha empacadora nin un almacén de lixo"

Pontevedra
22 de xaneiro 2015

Cansos de acusacións e declaracións "graves e falsas", a Comunidade de Montes da Canicouva saíu ao paso da polémica que envolve á planta de compostaxe. Fixérono cunha rolda de prensa na que defenderon a súa postura e pediron "tranquilidade" ás asociacións e colectivos que mostraron a súa oposición a este proxecto

Directivos da comunidade de montes de A Canicouva na Casa das Campás
Directivos da comunidade de montes de A Canicouva na Casa das Campás / Mónica Patxot

Cansos de acusacións e declaracións "graves e falsas", a Comunidade de Montes da Canicouva saíu ao paso este xoves da polémica que envolve á planta de compostaxe que impulsan o Concello e a Deputación de Pontevedra. Fixérono cunha rolda de prensa na que defenderon a súa postura e pediron "tranquilidade" ás asociacións e colectivos que mostraron a súa oposición a este proxecto.

O secretario da comunidade, José Portela -que actuou como voceiro-, mostrou o "profundo malestar" dos comuneiros da Canicouva con todos aqueles "colectivos interesados" que puxeron en dúbida a tramitación desta oferta de terreos ao Concello de Pontevedra. Asegura que se convocou a todos os propietarios de monte comunal e que houbo o quorum necesario, actuando sempre de acordo aos estatutos da organización.

Explicou que a decisión de ofertar estes terreos se adoptou despois de que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, descartase as opcións de Campañó e Verducido, pero desvelou que dende que recibiron o protocolo do proxecto "estivemos solicitando información e valorando os pros e as contras". Ao final, entenderon que a planta de compostaxe sería "beneficiosa" para a parroquia e puxéronse en contacto co Concello.

Tras aclarar que os terreos son seus " porque así o di unha sentenza xudicial que xa é firme", José Portela negou que o acordo se tomase por cuestións económicas. Afirmou que A Canicouva posúe un monte "íntegro e ben conservado" e carece de polígonos industriais e polvoreiras "e non porque non tivésemos ofertas xugosas". Ademais, reiterou que se esta planta non fora positiva para a parroquia a tivesen rexeitado "de plano".

Os comuneiros reiteraron que se esta planta non fora positiva para a parroquia a tivesen rexeitado "de plano"

"Non temos nada que ocultar nin queremos polémicas con ninguén", afirman os comuneiros da Canicouva. Neste sentido, Portela explicou que o aprobado ata o momento é a oferta dos terreos, pero cunha cláusula no contrato non van permitir "nin unha empacadora, nin unha incineradora nin un almacén de lixo". Están seguros de que non será así, pero avanzan que retirarán a súa oferta se se incumpre o acordado. "Así o faremos constar", din. 

Para manterse afastados da polémica, afirman que non se reunirán con ningún grupo político porque "non teñen nada que falar con nís". Iso si, insisten en que desta planta se beneficiarán todas as comunidades de montes de Pontevedra porque "aproveitará todos os restos das podas". De aí que, recordasen, este proxecto "tivo moitas noivas e ninguén se atreveu a dar o paso como demos nós".

Os comuneiros da Canicouva recoñecen que "botamos en falta" coñecer o proxecto en profundidade para que todos os veciños que crean estar afectados poidan facer as súas alegacións. En todo caso, esperan que esta falta de información se resolva coas xornadas técnicas que organizarán en próximas datas a Deputación e o Concello de Pontevedra. Así se rematarán, sinalaron, os intentos por "confundir" a opinión pública.

Arquivado en