A Canicouva lamenta a "invasión" con fins electorais do PP e o PSOE do monte onde se proxecta a planta de compost

Pontevedra
27 de febreiro 2015

A Xunta de Montes da Canicouva sinala que a proposta dos terreos para instalar a planta de compostaxe foi consensuada e libre. E invita os opositores a coller fouciños para traballar os terreos que coa instalación da planta van limparse anualmente

Jacobo Moreira visita os terreos da futura planta de compost na Canicouva
Jacobo Moreira visita os terreos da futura planta de compost na Canicouva / Partido Popular de Pontevedra

A Xunta de Montes da Canicouva volve manifestarse ante a polémica da instalación da planta de compostaxe para indicar que foi a propia parroquia, a directiva da Xunta de Montes co consenso unánime da asemblea de comuneiros os que tomaron a decisión "legal e libremente" de seleccionar a parcela no monte desta parroquia para a planta de elaboración de compost.

Indican que se trata dunha planta ecoloxicamente moi avanzada, asociada á mellora dos montes, cuberta, impermeable, sen posibilidades de fugas e que, ademais, terá augas controladas pola propia Xunta de Galicia. E, desta forma, engaden que "se nos quedase a máis mínima dúbida sobre a posibilidade de contaminación de augas, olores ou parecidos, non teriamos presentado a oferta".

Engaden que os ataques á decisión adoptada pola parroquia da Canicouva están a ser "tan inxustos como continuos". E apuntan que "esixir que non se faga a planta na Canicouva é pretender que non se efectivice unha decisión libre e soberana da parroquia" mostrando o seu malestar pola inxerencia aos asuntos internos da parroquia "absolutamente inadmisibles".

Desta forma criticano portavoz do Partido Popular, Jacobo Moreira, e destacados militantes do PP e do PSOE pola visita que realizaron a estes terreos nun acto que, segundo expoñen, "tivo todas as características dunha invasión, dunha toma de posesión e dominio dos montes da Canicouva, permitíndose a lixeireza de afirmar que van tomar a decisión de que non se faga a planta".

Neste sentido, dende a Xunta de Montes indícase que a planta proxectada non vai orixinar os prexuízos que inventan. Sinalan nun comunicado que os motivos desta actuación é "única e exclusivamente a politiquería barata en vésperas de eleccións".

A nota finaliza pedindo respecto e invitando aos que invadiron A Canicouva que "se queren facer campaña electoral a conta da Canicouva, ofrecémoslles os fouciños e demais ferramentas necesarias para que desbrocen unha superficie igual á que nos vai facer cada ano a planta. Poderían así coñecer o monte, facer intenso traballo físico e obter máis fotos de impacto para a campaña electoral".

Arquivado en