Os directivos da Comunidade de Montes da Canicouva viron na acollida da planta de compostaxe impulsada polo Concello e a Deputación de Pontevedra a oportunidade de obter ingresos ante os problemas que veñen sufrindo dende que en 2006 ardesen numerosas hectáreas arboradas, principal fonte económica da comunidade grazas á venda de madeira. Presentaron a súa oferta cando comprobaron que outras alternativas como a de Campañó e Verducido se desestimaron.
A asemblea comunal apoiou maioritariamente a idea de acoller a planta para o tratamento de residuos orgánicos en Loureiro. Os técnicos da empresa encargada do estudo de viabilidade, Lagares Oca, analizaron os terreos e deron o visto e prace.
A cambio do aluguer dos terreos, o concelleiro de Infraestruturas,César Mosquera, sinalou que, pendentes dunha negociación, se estima que os comuneiros recibirán ao redor de 2.000 euros anuais por hectárea. O proxecto ocuparía dez hectáreas do lugar de Loureiro e a cesión sería por 30 anos prorrogables.
César Mosquera e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañados polo presidente da Comunidade de Montes da Canicouva, José Luis Parada, o vicepresidente Roberto Conde e o secretario José Carlos Portela, mostraron a súa satisfacción pola elección destes terreos. O rexedor indicou que se trata dun dos proxectos "que máis me satisfai. ÿ unha aposta por facer un concello alternativo".
Dende o goberno local e dende a directiva da comunidade de montes ven improbable que poidan xurdir protestas veciñais á construción da planta ao encontrarse afastadas de núcleos habitados. En comparación cos enfrontamentos co proxecto da creación da empacadora de Vilaboa, José Carlos Portela aclarou que "a empacadora era unha planta incineradora. Nós tampouco a quereriamos. Pero esta é unha clasificadora de residuos e a parroquia si que a quere".
Como contraprestación, ademais do canon que recibirían polo aluguer, tamén se contempla a creación dun espazo de 15 hectáreas de selvicultura: "a idea é que se convirta nunha zona de recreo para os veciños de Pontevedra", manifestaba Portela.
A partir de agora comezan as tramitacións administrativas. César Mosquera sinalou que a licenza para unha instalación deste tipo é municipal, "a Xunta ten que ver a cautela ambiental" apuntou o concelleiro que espera que non haxa problemas nos trámites e que a mediados do ano 2017, a planta poida estar en funcionamento nesta situación.
A parroquia da Canicouva conta con 245 habitantes e albergará unha planta con capacidade para 70.000 toneladas de residuos orgánicos ao ano dos que se extraerán 15.000 toneladas de compost.
VALORACIÿNS DESDE O PP
O voceiro municipal do PP, Jacobo Moreira, reiterou este venres que dende o inicio das xestións para poñer en marcha este proxecto deu o seu apoio ao alcalde capitalino "siempre y cuando no hubiese oposición vecinal".
"Si no hay oposición, tiene todas nuestras bendiciones", recordou Moreira, pois no seu partido "lo que no queremos es que haya descontento" como aconteceu no seu día co proxecto para instalar unha empacadora en Vilaboa, que finalmente se desestimou tras unha forte oposición veciñal. De todos os xeitos, insiste en que "no hubiese estado de más" que o Goberno local tivese informado o partido da oposición sobre a situación definitiva da planta.
"O PP foi máis leal na oposición que o outro socio de goberno", dixo Rafael Louzán
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, aplaudiu a "resposta acertada" que ao seu xuízo supón acordar unha situación para a planta de compostaxe "que non teña contestación por parte dos veciños".
Neste sentido, afirmou que "o PP foi máis leal na oposición que o outro socio de goberno", dixo Rafael Louzán en referencia aos tres concelleiros do Partido Socialista no concello de Pontevedra.
Louzán que coñeceu a noticia da localización polos medios de comuniciación explicou que o proceso para poñer en marcha esta infraestrutura segue agora a folla de ruta, se ben admitiu que hai "unha pequena complexidade", ao quedar deserto en concurso para a adxudicación do Servizo provincial de Recollida de Lixos.
Polo tanto, a planta de compostaxe "a curto prazo é imposible". Este tempo será aproveitado para "perfeccionar algunhas cuestións".
O PSOE, MAÿÁ
O grupo municipal do PSOE que tiña amosado a súa oposición ao proxecto, ofrecerá este sabado unha rolda de prensa a cargo do seu secretario local, Agustín Fernández, para manifestar a súa postura en relación coa decisión de que a parroquia da Canicouva acolla a planta.