A campaña "Salva o Lérez. Stop A-57" recadou nun mes 10.030 euros

Pontevedra
24 de abril 2024

A asociación ADEGA e a Plataforma de afectados Xeve-Bora conseguen os fondos necesarios para poder emprender accións legais contra a aprobación do proxecto definitivo e estudo de impacto ambiental do segundo tramo da autovía na Audiencia Nacional. Lograron 10.030 euros 

Estela Eirín e Mari Carmen Tenorio, representantes da plataforma, con Belén Rodríguez, secretaria executiva de ADEGA
Estela Eirín e Mari Carmen Tenorio, representantes da plataforma, con Belén Rodríguez, secretaria executiva de ADEGA / Mónica Patxot

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (ADEGA) e a Plataforma veciñal de afectados pola A-57 nas parroquias de Xeve e Bora, veñen de recadar os fondos necesarios para poder emprender accións legais contra a aprobación do proxecto definitivo e estudo de impacto ambiental da autovía A-57, no seu treito entre A Ermida (Marcón) e Pilarteiros (Xeve).

A campaña de recadación "Salva o Lérez. Stop A-57" impulsada para tal efecto conseguiu reunir un total de 10.030 euros en pouco máis dun mes e a 20 días de que acabase o prazo para conquerilos; e mesmo excedeu o obxectivo de recadación de 9.500 euros establecido nun inicio. 

Os impulsores desta campaña interpretan que a "celeridade" coa que se acadaron estes fondos "evidencia o gran rexeitamento social cara a un proxecto de autovía que suporá un impacto ambiental, patrimonial e social irreparable e inasumible para a cidadanía pontevedresa e para o conxunto do pobo galego".

Estes fondos sufragan, en concreto, a interposición por parte de ADEGA no pasado mes de xaneiro do recurso contencioso-administrativo contra a autorización do treito A Ermida-Pilarteiros da A-57 diante da Audiencia Nacional.

Agora, a organización ecoloxista atópase á espera de que o tribunal lle traslade de novo o expediente do proxecto, xa que na primeira comunicación viña incompleto e mal foliado. Unha vez se reciba e se analice, ADEGA presentará a demanda e o informe técnico ambiental que procure a paralización cautelar do proxecto, accións que quedan garantidas coa consecución destes fondos a través da campaña "Salva o Lérez. Stop A-57", que este mércores dá por finalizada.

A asociación ecoloxista e a plataforma veciñal agradeceron as súas achegas á campaña á veciñanza, á Comunidade de Montes Castro-Lampán de Bora e á Comunidade de Montes de Xeve e a cantas persoas puxeron "o seu gran de area co obxectivo de frear este proxecto".

Tanto ADEGA como a veciñanza afectada confían en que a Xustiza atenda as argumentacións contra este proxecto "e o paralice o antes posible, ata conseguir a súa anulación final". 

Reiteran que "esta autovía constitúe unha auténtica fraude ambiental, social e legal e un atentado contra o patrimonio natural e cultural colectivo, ademais dun enorme despilfarro de cartos públicos para conquerir a duplicidade innecesaria da AP-9, á altura da cidade do Lérez".

Arquivado en