A autovía A-57 é unha cuestión de "justicia social"

Pontevedra
19 de outubro 2015

A ministra de Fomento, Ana Pastor acudiu este luns a Pontevedra para dar inicio ás obras da autovía A-57, no tramo A Ermida-Vilaboa, unha infraestrutura que segundo dixo é unha cuestión de "justicia social" por ser Pontevedra a "única capital de provincia de toda España que no tiene una circunvalación"

O director da obra, Federico Saldaña, explica os detalles do trazado
O director da obra, Federico Saldaña, explica os detalles do trazado

A ministra de Fomento, Ana Pastor acudiu este luns a Pontevedra para dar inicio ás obras da autovía A-57, no tramo A Ermida-Vilaboa, unha infraestrutura que segundo dixo é unha cuestión de "justicia social" por ser Pontevedra a "única capital de provincia de toda España que no tiene una circunvalación".  

O acto consistiu no descubrimento dun "mojón" de estrada sen quilometraxe co nome da autovía e unha pequena placa na que se lembra a actuación da ministra. A presidenta do Parlamento de Galicia e o alcalde de Pontevedra, entre outras autoridades acompañaron á responsable de Fomento nesta ocasión.

Ana Pastor trasladou a súa satisfacción como política "por cumprir con la palabra dada" e sinalou que Pontevedra "necesita tener un tráfico fluído" para mellorar a "conectividad, la competitividad de sus empresas y la movilidad de las personas".

Pola súa banda, o alcalde lembrou que o trazado máis exterior que hoxe se empeza a executar "evita tocar núcleos urbanos e ten como beneficio que nos achega ao polígono industrial do Campiño", e engadiu "non creo que haxa outra alternativa".

A titular de Fomento tamén enmarcou a importancia desta obra xunto a outras infraestruturas "que habían sido largamente reclamadas pero que no habían sido ni licitadas ni adjudicadas, ni construidas ni pagadas", e citou o desdobramento da Avenida de Vigo (a recentemente inaugurada Avenida Josefina Arruti), e o Nó do Pino.

A ministra non quixo deixar escapar a ocasión para lembrar que Pontevedra viu igualmente mellorada as súas infraestruturas "con el tren del siglo XXI" do que segundo dixo millón e medio de pasaxeiros fixeron uso desde a súa posta en marcha o pasado 18 de abril.

Finalmente Ana Pastor lembrou que a A-57 é unha autovía "necesaria" e que xerará "retorno económico".

SALVEMOS A FRACHA

Durante este acto de inauguración, desenvolvido no lugar de Pintos, na parroquia pontevedresa de Marcón, un grupo de representantes da plataforma Salvemos A Fracha visibilizou a súa protesta contra esta infraestrutura e lembrou á ministra que lle solicitaron unha reunión para expoñerlle a súa postura sen obter resposta algunha.

Respecto das súas reclamacións Ana Pastor sinalou que a todos estes afectados "hay que escucharlos como se viene haciendo hasta ahora y todas las mejoras que pidan los vecinos se van a hacer", concluíu.

O investimento previsto no tramo é de 74,3 millóns de euros, dos cales 59,5 millóns de euros corresponden ás obras, 11,5 millóns de euros ao importe estimado das expropiacións e 3,3 millóns de euros ás asistencias técnicas. Serán, segundo Fomento, os primeiros 6,5 quilómetros da nova autovía de circunvalación de Pontevedra (A-57), que terá un total de 21 quilómetros e cuxo trazado enlazará Curro con Vilaboa.

Arquivado en