A Autoridade Portuaria pedirá a adscrición dos terreos de Lourizán "con ou sen ENCE" e incluíndo os de Elnosa

Pontevedra
17 de novembro 2021

O proceso "longo pero non complexo" que pretende iniciar a Autoridade Portuaria está en mans do Goberno central, que se mostrou contrario a esta vía. O expediente de solicitude do Porto de Marín ten que ir acompañado de tres informes vinculantes, e por tanto decisivos, por parte de Portos do Estado, o Ministerio de Defensa e Costas (Ministerio de Transición Ecolóxica)

José Antonio Taboada, Ana Cedeira e José Benito Suárez Costa
José Antonio Taboada, Ana Cedeira e José Benito Suárez Costa / PontevedraViva

O presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa confirmou que pedirán a adscrición dos terreos de Lourizán "con ou sen Ence" e incluíndo os da clorera Elnosa.

Suárez Costa recibiu este mércores á presidenta comité de oficinas centrais de Ence, Ana Cedeira; ao presidente da Asociación Sociedade para o Emprego Forestal, Rural e Industria da Celulosa (SEFORCEL), José Antonio Taboada; ao representante das empresas auxiliares de Ence, Óscar Fontecoba, e ao delegado de Comisións Obreiras no comité de fábrica de Ence, Antonio Guimaráns.

"Este é un problema totalmente político que, se politicamente se quere, xuridicamente é posible", asegurou Suárez Costa á luz do informe do Consello Consultivo e das propias análises elaboradas pola Autoridade Portuaria.

O presidente trasladará este asunto ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria que se celebrará o xoves 25 de novembro para someter a votación o inicio do procedemento para adscribir os terreos de Lourizán como Zona de Actividade Loxística (ZAL) do porto de Marín.

A solicitude incluiría os terreos que ocupa a empresa de celulosas "se vaia Ence ou non se vaia" e tamén os que deixou a Electroquímica do Noroeste SA ( Elnosa). Se finalmente Ence ten que abandonar este espazo de dominio público marítimo terrestre "teremos eses terreos a disposición para o tema loxístico", sinalou o presidente da Autoridade Portuaria. "En calquera situación que veña a nós vainos a favorecer", engadiu.

"En calquera situación que veña a nós vainos a favorecer", dixo Suárez Costa

"Ese terreo cumpre todas as condicións para non estar a lle dicir ‘non’ a todas as empresas que tentan instalarse aquí", dixo José Benito Suárez Costa. Respecto ao futuro de Ence "por interese do Porto nós defendemos que esta empresa siga aí", lembrou.

Suárez Costa insistiu que eses terreos están localizados nunha "zona estratéxica" e puxo como exemplo que "moitas veces temos moitas dificultades de almacenamento de pezas de gran volume, que serviría esa zona no canto de estar aquí ocupando nunhas condicións que non nos permiten desenvolver outras actividades". 

"Despois xa se verá o que ocorre con Ence pero, en principio, nós o que queremos son eses terreos", subliñou. 

DEPENDE DO ESTADO

O proceso "largo pero no complejo" que pretende iniciar a Autoridade Portuaria está en mans do Goberno central, que se mostrou contrario a esta vía. O expediente de solicitude do Porto de Marín ten que ir acompañado de tres informes vinculantes, e por tanto decisivos, por parte de Portos do Estado, o Ministerio de Defensa e Costas (Ministerio de Transición Ecolóxica), tres órganos dependentes do Goberno Central.

A adscrición ao porto de Marín dos terreos que ocupa a fábrica de celulosas supoñería que "xuridicamente as condicións de Ence cambiarían da Lei de Costas á Lei de Portos e Mariña Mercante".

Ana Cedeira valorou que "esta noticia arroja un poquito de luz a todos los trabajadores" que confían en que esta fórmula de adscrición ao Porto de Marín evite as sentenzas da Audiencia Nacional que declaran nula a prórroga da concesión de Costas á empresa pasteira e permitirían que Ence continúe en Lourizán a carón da ría.

Atendendo á ditame favorable emitido polo Consello Consultivo a pedimento da Xunta, o presidente da asociación Seforcel, José Antonio Taboada, dixo que o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán "mentiu" cando asegurou que era ilegal a adscrición destes terreos ao porto de Marín "la Autoridad Portuaria va a iniciar un procedimiento que obviamente no iniciaría si no fuese una legalidad".

"Mantener a Ence ahí es una necesidad y sería un absurdo tener que generar nuevas empresas cuando ya tenemos puestos de trabajo creados"  afirmou Taboada."Mantengamos a Ence, iniciemos el procedimiento, busquemos combinaciones logísticas, recuperemos los terrenos de Elnosa y eso será la mejor solución y la mejor noticia para Pontevedra y para Galicia", dixo.

 

Arquivado en