A Audiencia Nacional desestimou a petición de suspensión cautelar das obras da autovía A-57 ao seu paso por Pontevedra solicitada, a través dun recurso contencioso administrativo, pola Plataforma de Afectados pola A-57 'Salvemos a Fracha'contra a resolución do secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda ditaminada o 15 de decembro de 2014.
Nesta resolución aprobábase o expediente de información pública e o documento técnico sobre a avaliación ambiental doproxecto Vilaboa-A Ermida para a autovía A-57, obras que a ministra de Fomento, Ana Pastor inaugurou o 19 de outubro.
O colectivo veciñal que defende o monte da Fracha presentaba no seu recurso que a autovía A-57 responde a un antigo proxecto promovido como alternativa libre de peaxe á Autoestrada do Atlántico. Un dos tramos, o que afecta a 6,20 quilómetros entre Vilaboa e A Ermida (Pontevedra) está destinado a unir estes dous puntos, para o que se levou a cabo un proxecto tras unha longa tramitación administrativa e ambiental derivando en dous estudos informativos con declaracións de impacto.
A plataforma achegaba un informe pericial alegando que, tras iniciarse os trámites para a expropiación forzosa dos terreos afectados pola execución deste tramo, o ministerio de Fomento procedeu a paralizar a tramitación da expropiación e comezou a tramitar o documento "Integración da Avaliación Ambiental do Proxecto Vilaboa-A Ermida. Autovía A-57" que foi aprobado seleccionando como alternativa máis favorable a número 2, que rexeitan os veciños.
A plataforma alegaba no recurso que se suspendese a tramitación ao existir perigo en demora ao entender que futuras alegacións serían inútiles ao executarse os traballos. Tamén alegaba a caducidade das declaracións de impacto ambiental ao transcorrer un prazo de seis anos desde a súa publicación ata o inicio das obras. 'Salvemos a Fracha' consideraba que o trámite ambiental levado a cabo por Fomento constitúe un "paripé" e defendía que deben prevalecer os valores ambientais fronte aos económicos ante o perigo de destruír valores culturais, etnográficos e ambientais.
A Sala da Audiencia Nacional rexeita o recurso ao entender que as alegacións en que se basea afectan a cuestións de fondo que esixen un detido exame das actuacións. Segundo expón, a suspensión cautelar constitúe un "ámbito angosto" no que non é posible avanzar máis aló dunha análise sucinto dos intereses en xogo, para dese modo non prexulgar o fondo do asunto.
O tribunal entende que a medida cautelar sería unha "sorte de suspensión xeneralizada e hipotética" de actuacións que puidesen executarse limitando o seu contido a Orde impugnada á aprobación do expediente de información pública e consultas dun documento técnico.
A Audiencia Nacional considera que non se pode extraer que todas as actuacións ambientais practicadas estean caducadas ou que o trámite ambiental posterior tivese como obxectivo evitar a caducidade dos anteriores documentos. Tampouco entende que exista perigo na demora e, por tanto, non contempla a suspensión da execución da tramitación das obras.
RESPOSTA DE 'SALVEMOS A FRACHA'
Desde a plataforma Salvemos A Fracha indican que mentres non se resolve o contencioso administrativo, malia a negativa á suspensión cautelar das obras, os integrantes do colectivo teñen previsto continuar cos procedementos xudiciais abertos e solicitar a revisión por reposición ante a Audiencia Nacionale, de ser o caso, o recurso ante o Tribunal Supremo e continuar co procedemento do contencioso-administrativo.