A APDR traslada a súa preocupación ao Consello Consultivo ante os "intentos do Goberno galego por favorecer a Ence"

Pontevedra
30 de setembro 2021

A asociación que preside Antón Masa alega que os terreos da Autoridade Portuaria de Marín dependen de Portos do Estado e, por tanto, considera que a Xunta carece de competencias para ampliar a zona de servizos do porto e integrar a fábrica de Ence nesa zona. Por este motivo, non entenden que a Xunta solicite un informe ao Consello Consultivo de Galicia

Factoría de Ence en Lourizán
Factoría de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

A intención da Xunta de Galicia de solicitar un informe ao Consello Consultivo de Galicia sobre a viabilidade de que os terreos que ocupa a fábrica de Ence en Lourizán pasen a formar parte do solo do porto de Marín provocou que a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) trasladara ao presidente do órgano consultivo o desasosego que produce neste colectivo ver que o goberno de Núñez Feijóo "pretende utilizar o Consello Consultivo para favorecer intereses puramente privados".

A asociación que preside Antón Masa sinala que os terreos da Autoridade Portuaria, o porto de Marín e a ría de Pontevedra, dependen de Portos do Estado. Por este motivo, alegan que a Xunta carece de competencias para ampliar a zona de servizos do porto e integrar a fábrica de Ence nesa zona. Tampouco entenden lóxico solicitar un informe xurídico ao Consello Consultivo galego por parte da Xunta para este fin.

No comunicado de Antón Masa cualifica de "lamentable" que o presidente Núñez Feijóo manteña a estratexia de defender "custe o que custe" os intereses empresariais de Ence e involucre a unha institución como o Consello Consultivo para acadar ese propósito.

Afirman, ademais, que a procura do presidente da Xunta e doutros membros destacados do Goberno autonómico de "solucións xurídicas" para conseguir a permanencia de Ence en dominio público supón un intento inaceptable de buscar "mañas" para "burlar as sentenzas da Audiencia Nacional", que están pendentes de confirmación por parte do Tribunal Supremo.

No escrito remitido ao presidente do Consello Consultivo citan un parágrafo da sentenza 233/2015 do Pleno do Tribunal Constitucional do 5 de novembro de 2015 contrario ao uso de argucias para evitar a execución de sentenzas. 

A APDR entende que José Luis Costa Pillado, o presidente do Consello Consultivo, actuará segundo mellor proceda en dereito e saberá comprender a preocupación do colectivo diante "dos intentos do Goberno galego por favorecer a Ence mesmo á conta de burlar sentenzas". 

Por último, a asociación ecoloxista demanda que, no caso de que se fagan firmes as sentenzas que anulan a prórroga de 60 anos concedida a Ence polo goberno en funcións de Mariano Rajoy en 2016, se desmantelen as instalacións da empresa para recuperar ese espazo público para a cidadanía.

Arquivado en