A APDR solicitará á Fiscalía que determine o alcance penal dos recheos no Porto de Marín

Pontevedra
18 de xullo 2014

O colectivo ecoloxista, que preside Antón Masa, reclama o levantamento inmediato destes recheos tras coñecer a sentenza do Tribunal Supremo que obriga a súa eliminación e temen que o Porto de Marín inicie unha operación de dragado que, segundo denuncian, aumentaría o impacto e prexudicaría os mariscadores

Porto de Marín
Porto de Marín /

Asentenza do Tribunal Supremo que obriga á Autoridade Portuaria de Marín a eliminar os recheos no ano 1994 no Porto provocou que a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) anuncie que solicitará á Fiscalía que determine o alcance penal das actuacións realizadas na entidade portuaria e esixir que o gasto que leve consigo o levantamento dos terreos gañados ao mar sexa custeado polos responsables do dano.

A APDR considera que os responsables políticos e técnicos da Autoridade Portuaria teñen unha responsabilidade penaltanto pola dilapidación de fondos públicos para realizar uns recheos que, segundo afirman, sabían que eran ilegais no dano ambiental, social e económico que se provocou aos ecosistemas, aos recursos naturais e aos habitantes do interior da ría.

Dende o colectivo ecoloxista que preside Antón Masa afirman que os responsables do Porto eran conscientes de que as obras causarían un dano ambiental e, por ese motivo, aprobaron o Plan especial do ano 2000, ao que a APDR alegou e ademais presentou un recurso tras ser aprobado. A asociación lamenta que, dende a Autoridade Portuaria, a pesar das decisións xudiciais contrarias, continúen a realizar as obras previstas nos plans porque agravan o impacto ambiental das instalacións da Ría.

No manifesto que asina un dos membros da asociación, Benito Andrade, solicítase un proxecto do levantamento dos recheos de forma segura, evitando calquera dano ambiental para facer posible a recuperación do sistema hidrodinámico que permita a recuperación dos sistemas naturais e dos bancos marisqueiros do interior da ría.

Andrade teme que a Autoridade Portuaria inicie os dragados ata a cota de 15 metros de profundidade nunha zona situada no ámbito dos recheos e que, segundo os ecoloxistas, provocará unha remobilización de sedimentos que poñerán en suspensión partículas minerais e contaminantes procedentes do complexo industrial de Lourizán que se dispersarán por extensas zonas de lámina de auga.