"Que ten mudado tras a reunión Feijóo-Ribera?" A pregunta pona sobre a mesa Antón Masa, presidente da Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), e el mesmo a responde: "deixa as cousas practicamente igual que estaban".
A APDR fixo público este sábado un comunicado no que valora a entrevista que mantiveron o pasado xoves en Madrid a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Como conclusión, sinala que "nada novo" supón este encontro "máis alá das interpretacións interesadas por parte deste último (Feijóo) e do triunfalismo transmitido polos medios oficiais do Goberno galego".
O presidente da APDR tan só ve un "cambio de posición" de Feijóo e o seu Goberno, que "admiten agora un posible traslado fóra de Lourizán", volvendo ás posicións que mantiñan no ano 2012 e distanciándose en certa medida da posición de "ou en Lourizán ou fóra de Galicia" defendida por Ence e pola sección sindical de CC.OO.
Antón Masa fai esta valoración despois de analizar a información recollida nos medios de comunicación e nos comunicados oficiais feitos públicos polos Gobernos galego e estatal, segundo os cales Feijóo propuxo á ministra Lourizán como emprazamento para Ence, adscrito ao porto de Marín, e Ribera mantivo que a fábrica poderá seguir en Galicia sempre que cumpra a legalidade, é dicir, fóra dos terreos de Dominio Público Marítimo-Terrestre (DPMT). A ministra pediulle a Feijóo que "colabore coa empresa na busca de posibles emprazamentos alternativos e facilite terreos viables para este novo emprazamento da fábrica".
Feijóo relatou despois da reunión que trasladara á ministra un informe do Consello Consultivo de Galicia que avala a adhesión da fábrica de Ence ao porto de Marín, unha "solución xurídica" proposta polos traballadores e que conta co apoio da Xunta, pero desde a APDR insisten en que ese informe "non pode sortear as sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a prórroga ilegal concedida polo PP á empresa", sentenzas que están pendentes de recurso no Tribunal Supremo, pero que, a día de hoxe, obrigan ao peche da factoría.
Así, a asociación ecoloxista sinala que se trata dun informe que "non vincula a ninguén e moito menos ao Ministerio de Transición Ecolóxica", que "debe defender o ben común e a recuperación do DPMT". Ademais, insiste en que Ence non podería seguir neses terreos mesmo no caso de adscribir os terreos de Lourizán á Autoridade Portuaria. A APDR rexeita esta posibilidade "por ser contraria á recuperación integral da Ría".
Desde a APDR manteñen o seu "convencemento" de que as sentenzas serán firmes e o tempo de Ence en Lourizán "terá chegado ao seu fin".