A APDR reclama información sobre a planta de compostaxe

Pontevedra
23 de xaneiro 2015

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) critica a "absoluta falta de información" por parte do Concello e da Deputación sobre a planta de compostaxe "da que mesmo descoñecemos se existe ou non algún proxecto técnico concreto"

Benito Andrade e Antón Masa
Benito Andrade e Antón Masa / Mónica Patxot

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) critica a "absoluta falta de información" por parte do Concello e da Deputación sobre a planta de compostaxe "da que mesmo descoñecemos se existe ou non algún proxecto técnico concreto".

Neste sentido, a asociación ecoloxista solicita de ambas administracións toda a información existente ao respecto "e que se abran canles de participación activa da cidadanía neste proceso", no que entenden que deben participar.

Nun escrito que asina Xulio Carmona, representando a xunta directiva da APDR, solicita á Deputación a participación na elaboración e aplicación dun plan de xestión de residuos sólidos para a provincia.

Consideran dende Defensa da Ría que "gran parte do éxito" na implantación de calquera sistema de xestión de residuos sólidos urbanos sostíbel, "depende da colaboración e do grado de participación real da cidadanía".

Tamén lembran que tal e como se propón no manifesto da Plataforma Galega contra a incineración e reciclaxe no 2011, "o público non só debe estar informado senón tamén poder avaliar a participar activamente no proceso desde o inicio, achegando propostas, avaliando resultados e contribuíndo a solucionar os problemas que vaian xurdindo".

Arquivado en